Un preso do cárcere asturiano de Villabona foxe durante un traslado para ir ao dentista
Un preso do cárcere asturiano de Villabona foxe durante un traslado para ir ao dentista
O fuxido tiña pendentes catro anos de condena e non estaba considerado perigoso
En Asturias, a Garda Civil busca un preso que fuxiu durante un traslado para acudir ao dentista fóra da prisión. O fuxido tivo polo menos un cómplice que o agardaba fóra do centro médico ao volante dun coche co motor acendido.
Ocorreu nunha clínica dental da localidade asturiana de Pola de Siero. Ata alí chegou custodiado, na tarde deste luns, un preso do centro penitenciario de Villabona para unha revisión programada.
Ao rematar, e burlando a vixilancia dos gardas civís que o acompañaban, o home botou a correr e meteuse no maleteiro dun coche que o agardaba preto da clínica co motor en marcha.
O cómplice que conducía o vehículo emprendeu a fuxida con destino descoñecido. Case de inmediato, a Garda Civil puxo en marcha unha ampla operación de busca para localizar o preso fuxido e a persoa ou persoas que o axudaron, polo momento sen éxito.
Tamén buscan o vehículo utilizado na fuxida, un coche de alta gama alugado varias horas antes. O fuxido, que ten pendente catro anos de condena, non estaba considerado perigoso pola dirección do centro penitenciario.