Un veciño de Boiro denuncia danos constantes no seu local pola movida nocturna
Un veciño de Boiro denuncia danos constantes no seu local pola movida nocturna
Di que é a terceira vez que lle rebentan o escaparate da tenda, situada nunha rúa de pubs
Pecharon o local por xubilación, pero din que gastan en mantelo case tanto como cando o tiñan aberto. Ángel Iglesias denuncia que este Entroido volveron romperlle o escaparate en Boiro.
"Déronlle cunha pedra, unha botella ou non sei con que", explica. Dentro do local non apareceu ningún obxecto contundente, pero el ten claro que alguén o rebentou. "É un cristal de 8 milímetros -afirma- e iso non rompe só".
O caso é que é a terceira vez que lle pasa, e sempre é de noite. Houbo unha cuarta, que en vez de rebentar o cristal, rebentáronlle a porta. "Hai un mes e medio romperon o bombillo e entraron -relata- e como na caixa non había nada, non levaron nada".
Bótalles a culpa aos clientes que saen dos establecementos nocturnos que rodean o seu local. Denuncia os danos cada vez que se producen, pero di que é difícil dar cos responsables. Agora ten un seguro para os cristais, pero a última reparación foi case de dous mil euros.
"Vou falar co concello para poñer unhas cámaras, polo menos enfocando a fachada", di Ángel. Non está en contra do ocio nocturno, pero pide respecto. "Eu sei que teñen que divertirse, pero sen facer mal".
O mesmo piden os veciños da rúa Pablo Iglesias, centro da movida nocturna en Boiro. Están fartos dos danos que provoca. "As árbores non aguantan, as papeleiras non aguantan, non aguanta nada", di un veciño. "Deixan de todo, bolsas, vómitos, vasos rotos... esta rúa dá noxo", di outra.
Piden un reforzo da vixilancia nesta zona, sobre todo en datas sinaladas e durante o verán, cando hai máis xente.