Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un voluntario de Ribeira trae de Ucraína dúas familias que foxen da guerra

Un voluntario de Ribeira trae de Ucraína dúas familias que foxen da guerra

Unha das familias quedará no seu concello e outra en Sigüeiro

Rubén Lijo levou medicamentos e comida infantil ao paso fronteirizo de Kroscienko

G24.gal 13/03/2022 13:55

Cunha furgoneta cargada con medicamentos, material sanitario e comida infantil, Rubén Lijó desprazouse, xunto cun amigo, desde Ribeira á fronteira sur entre Polonia e Ucraína.

"O que fixemos foi unha recolleita de produtos que se necesitan alá. E tendo en conta que o vehículo non é demasiado grande, levamos medicamentos e comida para os nenos", explica.

Xa de volta a Ribeira, a onde chegou este sábado, confirmábanlle que a axuda que levaron chegou ao seu destino. Na viaxe de volta desde Polonia recolleron sete persoas que deixaran atrás o seu fogar para fuxir da guerra.

Dúas mulleres quedaron en Cracovia, onde continuaron a viaxe en avión ata Madrid. Pero outras dúas familias viñeron a Galicia. A unha muller de Kíiv e ás súas fillas, de 15 e 31 anos, acolléronas en Sigüeiro.

"A nai coas dúas fillas estaba como abandonada. Dicía que non podía facer máis, que non tiña forza, nin cartos, nin nada. E coa tristeza de ter o marido na guerra. Pero polo menos as súas fillas están a salvo, que era a súa maior preocupación", explica Rubén.

En Ribeira descansan tamén outra muller de Khárkiv e o seu fillo de 14 anos.

"A nai e o neno están na vivenda parroquial que está a carón da igrexa. Onte funlles facer unhas compras e a acondicionar todo. E de aquí en diante hai que preparar todo o tema burocrático", comenta.

Os servizos sociais do Concello vanse facer cargo de atender as súas necesidades. Rubén di que malia a urxencia, nada estaba improvisado. Antes de marchar coa súa furgoneta a Ucraína, 17 persoas ofreceran as súas vivendas para acoller refuxiados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade