Un xubilado elabora pezas artesanais de madeira desde o seu pequeno taller de Allariz
Un xubilado elabora pezas artesanais de madeira desde o seu pequeno taller de Allariz
Fabrica pezas sobre todo pensadas para os máis cativos
Tras toda unha vida como albanel, un xubilado de Allariz ocupa o seu tempo dende hai anos como artesán da madeira. Fabrica pezas pensadas sobre todo para os máis cativos, pero non deixa de lado outras máis elaboradas, como os cabaceiros ou as igrexas.
Desde hai doce anos, Hipólito sobe acotío ao enreixado do seu local en Allariz e traballa á vista de todos. Buscaba en que pasar o tempo despois de xubilarse e atopou na madeira unha chea de ideas e case unha vocación.
"Ao xubiláreste, pois, claro, que fas? E dixen, pois vou facer unha carretilla. Fíxena e desde aí empecei a darlle á cabeza e hoxe facemos unha cousa, mañá facemos outra…".
Así foi como empezou cos canastros, despois cos xoguetes para os cativos, mobiliario, carretillas. Nada se lle resiste, nin sequera a réplica da igrexa da súa aldea de Montederramo, á que non lle falta detalle.
"E dixen, por que non fago a capela, a Santa Lucía? Pero vaime dar moito traballo. Cando baixei aquí, xa non fixen máis que abrir, meterme dentro e xa collín a madeira para empezar coa capela, e ata agora que a terminei non parei".
Traballa con pouca ferramenta, madeira de piñeiro e prezos axustados porque, di, só quere cubrir o custo dos materiais. A man de obra corre pola súa conta. Apaixonado do fútbol, di que este é un dos seus lugares preferidos e que o será por moitos anos.
"Oxalá que si; mentres poida e teña saúde, oxalá que si, mentres teña saúde desde logo que si. Podedes atoparme aquí sen dúbida".
Di que por prescrición médica non perdoa a merenda nin cada minuto que pasa acotío dándolles vida ás súas pezas. Conta que ten moitos máis proxectos en mente e que no seu pequeno local todos son benvidos.