Dous galegos son finalistas dos Premios Nacionais de Artesanía 2024
Dous galegos son finalistas dos Premios Nacionais de Artesanía 2024
Entre os quince seleccionados están o torneiro de Tomiño Aitor Martínez e o carpinteiro de Ribeira Fran Millán
"Eu son Fran Millán, son carpinteiro e en Frouma o que facemos é recuperar a madeira das bateas despois de trinta anos para facer mobles".
"Eu quería establecerme aquí, en Ribeira e facer algo diferente, un proxecto que tivese identidade, valores e que fora máis alá do rendemento económico".
O banco "Orixe" ten un valor especial para este artesán fillo de carpinteiro. Foi a primeira peza coa que iniciaba este proxecto en 2022.
"Temos dúas liñas, unha son os nosos deseños e o noso mobiliario da nosa colección, antes de final de ano lanzaremos a nova web e a tenda online, que ata agora estaba un pouco parada, e, por outro lado, imos da man, con estudos de interiorismo, arquitectura... para traballos máis a medida".
Frouma é un proxecto de éxitos e recoñecementos, en 2023 recibía o Premio Artesanía de Galicia. En pouco tempo saberase se logra tamén o Nacional de 2024, na categoría de emprendemento, da que é finalista.
"Eu moi contento tanto polo premio Artesanía de Galicia, como por esta candidatura, porque nos dá unha visibilidade á que ás veces a empresas pequenas énos máis difícil poder chegar". "Xa estar de finalista está moi ben pero a estatística dinos que temos un 33 % de posibilidades. A ver que pasa...".
Tras décadas nas augas da ría, o eucalipto das bateas convértese aquí en mobles exclusivos que mesturan, sostibilidade, tradición e innovación.