Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un xulgado de Vigo anula un despedimento por incapacidade permanente

Un xulgado de Vigo anula un despedimento por incapacidade permanente

O xulgado do social número 2 da cidade olívica aplicou por primeira vez en España a doutrina europea nestes casos

G24.gal 20/01/2024 08:17 Última actualización 20/01/2024 10:35

O Xulgado do Social número 2 de Vigo ditou a primeira sentenza en España que aplica a doutrina europea que impide despedir de xeito automático persoal declarado en situación de incapacidade permanente total, malia que o permita o Estatuto dos Traballadores.

O xulgado agardou a que o Tribunal de Xustiza da UE resolvera a cuestión exposta polo Tribunal Superior de Xustiza de Baleares e sentenciara que unha empresa non pode botar á rúa unha persoa neste caso sen facer previamente "axustes razoables" para permitirlle conservar o emprego.

Segundo argumentou, o artigo 49 do Estatuto dos Traballadores español, que permite o despedimento automático para persoal con discapacidade incapacitante, é contrario á normativa europea e ao dereito á igualdade.

De feito, a vicrepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, anunciou este venres, tras coñecer o fallo europeo, que o Goberno vai promover unha próxima modificación lexislativa para estes casos.

Primeira sentenza

A sentenza do tribunal vigués declara nulo un despedimento ante unha demanda presentada polo letrado Fabián Valero, socio fundador do despacho Zeres.  É o caso dun traballador encargado de mantemento nunha empresa desde o ano 2000.

En febreiro de 2002, o demandante colleu unha baixa por incapacidade temporal, a causa dunha dor torácica atípica, que se converteu en permanente total ese mes de xullo. Un ano despois a empresa deuno de baixa na Seguridade Social.

"Dános a razón no caso dun traballador con máis de vinte anos de antigüidade que, cando sufriu incapacidade permanente, foi despedido pola empresa sen tentar recolocalo ou adaptar o seu posto", explica o avogado.

Protexer e amparar

Javier Cominges, o letrado que logrou o veredicto favorable ao traballador, subliñou a relevancia desta resolución "na senda de protexer e amparar as persoas con discapacidade no seu dereito ao traballo".

Como destaca a sentenza, trátase dun paso que remove "os cimentos da configuración que a incapacidade permanente ten no noso dereito de seguridade social", actuando como unha protección e garantía do dereito ao traballo das persoas con discapacidade.

Neste sentido, aplaude que obrigue a empresa, antes da extinción do vínculo laboral, a efectuar os axustes razoables que permitan recolocalo noutro posto compatible coas súas doenzas, salvo que tales axustes supoñan unha carga excesiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade