Unha avaría deixa sen luz a 400 veciños do barrio coruñés do Ventorrillo
Unha avaría deixa sen luz a 400 veciños do barrio coruñés do Ventorrillo
Os máis afectados chegaron a estar sen subministración unhas seis horas
Como solución provisional instalouse un xerador, mentres os operarios seguen tratando de resolver o dano
Sen luz estiveron durante toda a tarde deste domingo centos de veciños do barrio coruñés do Ventorrillo. Ata as nove e media da noite non tiveron servizo. E daquela foi grazas a que instalaron un grupo electróxeno que permitiu que os prexudicados volveran dispor de electricidade nos seus fogares.
Foi unha medida urxente e provisional que se prolongou porque, como se ve, aínda esta mañá os operarios continúan traballando na avaría do transformador. En definitiva: arredor de 400 veciños quedaron sen luz unhas seis horas.
Operarios de Elecnor continuaban esta mañá traballando arreo para que a subministración eléctrica no barrio do Ventorrillo volva á normalidade. Porén onte, contra as catro menos vinte da tarde, algúns escoitaron un estoupido sen saber que pasaba. E desde aquela quedaron sen luz.
Entrementres, as horas pasaban e os veciños estaban ás escuras. Contra as nove e media da noite os responsables decidiron tomar medidas e instalaron un gran xerador.
A avaría afectou principalmente a 400 veciños. Pero foron moitos máis os que se viron alterados durante menos tempo.
En total, os máis prexudicados estiveron seis horas sen luz. E malia as moitas molestias que padeceron, din que non foi tempo dabondo como para teren perdas económicas, sobre todo, nos negocios de hostalería.