Restablecen parcialmente a circulación de trens na Coruña tras varias horas sen servizo
Restablecen parcialmente a circulación de trens na Coruña tras varias horas sen servizo
Unha avaría eléctrica obrigou a cancelar nove convois con saída ou destino na cidade herculina
Os atrasos na rede galega continúan a primeira hora da tarde
Naturgy asegura que non detectou nunha avaría na súa rede e apunta a un problema ao propio sistema da estación de tren
O tráfico ferroviario na estación da Coruña restableceuse parcialmente, segundo confirmaron fontes de Adif e de Renfe, despois dun fallo eléctrico na terminal que obrigou a suspender a entrada e saída de trens desde primeira hora da mañá.
O administrador ferroviario explicou que logrou poñer en servizo dúas vías da terminal, polo que, desde as 11:00 horas puido reiniciarse a circulación de trens.
Adif restablece de forma parcial la circulación por dos de las vías de la estación de A Coruña.
— INFOAdif (@InfoAdif) January 11, 2024
O fallo eléctrico detectado este xoves impedía o funcionamento dos sistemas de sinalización e control de tráfico ferroviario, de maneira que foron 9 os servizos afectados, con chegada e saída desde A Coruña.
Con todo, Renfe precisou que si funcionaron os trens do Eixo Atlántico entre Vigo e Santiago (e entre Ourense e Santiago). Espérase que a circulación recobre paulatinamente a normalidade e poida habilitarse a totalidade da circulación de chegada e saída da cidade herculina.
Por correo electrónico, algúns usuarios recibiron unha mensaxe en que se lles traslada que "debido a avaría de Fenosa, a estación da Coruña non dispón de tensión eléctrica" e recoméndaselles que, ao non haber "previsión" para o restablecemento do servizo, "busquen outros medios alternativos se o desexan", á vez que lles piden desculpas polas molestias.
Fontes de Naturgy informaron este xoves de que a súa rede de distribución non presentaba ningunha avaría nin fallo de subministración na zona da estación, polo que é probable que os problemas derivasen do propio sistema interno da terminal.
Algúns usuarios do servizo decidiron baixar dos vehículos para tentar viaxar por outros medios. Entre os afectados, ademais de traballadores, había estudantes que están citados para exames.
Os atrasos continúan nas horas posteriores en boa parte da rede galega de ferrocarril,. O delegado do Goberno en Galicia pediu perdón aos usuarios afectados por estes atrasos. Pedro Blanco dixo que a orixe de todo foi unha avaría eléctrica que se está investigando.
O presidente da Xunta considera que as avarías constantes que sofre o servizo de Renfe en Galicia non son de recibo. Alfonso Rueda di que mostran o desinterese por esta comunidade.