Unha balea no peirao da Estación Naval da Graña, en Ferrol
Unha balea no peirao da Estación Naval da Graña, en Ferrol
Apareceu nas proximidades dos peiraos de embarcacións menores
Un cetáceo de oito metros de lonxitude, cría de rorcual común, apareceu morto aboiando no peirao da Estación Naval da Graña, en Ferrol.
A Armada explicou que o atopou persoal de garda da Estación Naval, durante unha das súas roldas de vixilancia nas instalacións portuarias do recinto, nas proximidades dos peiraos de embarcacións menores.
O cetáceo permaneceu baixo supervisión para controlar que non implicase perigo ningún para a navegación, no caso de que fose arrastrado polas correntes ata ser retirado.
A Armada avisou de forma inmediata ao Centro de Coordinación e Servizos da Autoridade Portuaria de Ferrol e á Coordinadora para o Estudo dos mamíferos mariños de Galicia. Tamén ao Servizo de emerxencias 112 e á Estación Biolóxica da Graña. Finalmente, retiraron o corpo do animal sobre as dez da mañá.