Publicador de contidos
Publicador de contidos

Carme Veloso, unha científica da Limia no mar de Terra Nova

Carme Veloso, unha científica da Limia no mar de Terra Nova

G24.gal 14/06/2024 08:39

Presentámoslles a Carmen Veloso Cerredelo. Seguro que non lles soa este nome, pero quixemos entrevistala porque nos sorprendeu que sendo do interior, da Limia, decidise facer unha marea en Terra Nova. Con só 23 anos, rematou a carreira de Ciencias do Mar e estivo dous meses nun barco facendo a mostraxe biolóxica das capturas. Un traballo moi duro, di, ao que non se quere dedicar pero que pensa repetir

As vistas da súa Limia natal son ben diferentes ás que tiña hai dous meses no mar de Terra Nova.

"Eu creo que o que máis chamou a atención foi que sexa do interior e que me embarcara; pouca xente hai destas características, a maioría da xente que se embarca é da costa".

Carme Veloso Cerredelo é de Porqueira, ten 23 anos. Estudou en Vigo Ciencias do Mar, ao pouco de rematar xa atopou traballo no Isla de Terranova. Era a primeira vez que subía a un barco, os primeiros días pasounos vomitando.

"A experiencia ao principio foi moi dura; os primeiros catro días estiven moi mareada pero cando se foi adaptando o corpo, moi ben".

Capturaban fletán, pescada e raia, e Carme era a encargada de facer a mostraxe biolóxica e de medidas. Cunha tripulación de 27 persoas, ela e outra eran as únicas mulleres.

"Hai moita xente máis que se dedica a isto e que ten máis mérito ca min, que leva moitos anos dedicándose a isto, e a maioría son mulleres".

Ao pouco eran no barco como unha familia, pero botou en falta a súa.

"Pensa que estás dous meses fóra, non tes comunicación; estiven practicamente dous meses incomunicada".

Asegura que non sentiu medo cando tiveron un gran temporal neste mar xélido, pero recoñece que é un traballo moi duro. Queda cos mellores recordos.

"Impactoume moito ver nevar no mar, nunca vira, pensaba que no mar non podía nevar, e houbo varios días que nos levantamos coa cuberta algo nevada e impactoume. E gustoume ver cachalotes e baleas".

Admira a bravura da xente do mar, pero ela, di, é da chaira da antiga lagoa de Antela. E gustaríalle, mellor, traballar en terra, nun laboratorio analizando os produtos da pesca, pero si que ten pensado facer outra marea.

"Non sei que ter o mar, pero engancha, hai algo que engancha e te fai volver".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade