A Constitución e os estatutos de autonomía nunha edición inédita
A Constitución e os estatutos de autonomía nunha edición inédita
A publicación é dunha editorial galega
Son 19 estatutos: os das 17 comunidades e máis os de Ceuta e Melilla
Publícase neste 2021 en que a Carta Magna fixo 43 anos e o noso estatuto, 40
Parece unha caixa de bombóns, pero ao abrila atopamos outra cousa.
"Isto é a Constitución e os estatutos de autonomía. É unha obra inédita", explica José Luis Teófilo, editor.
Se comezamos pola portada vemos un cadro.
"Está no Salón dos Pasos Perdidos, no Senado. Vemos a rexente, María Cristina, viúva de Alfonso XII, que morrera de tuberculose. Está xurando a Constitución de 1876".
E saltamos a 1978 se entramos na caixa.
"A Constitución Española propiciou unha revolución territorial", di Teófilo.
Da Constitución emanan os 19 estatutos de autonomía aquí reunidos. Son os das 17 comunidades autónomas máis os de Ceuta e Melilla. E non todos teñen o mesmo grosor.
"O catalán, o andaluz ou o canario eran extensos xa de partida, pero logo tamén sufriron moitas modificacións, que están aí".
E imos co noso estatuto, que é dos finos.
"Hai outros máis finos. O de Navarra anda por aí. Pero, vaia, o de Galicia está moi ben apuntalado".
Apuntalou o noso autogoberno: "Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en comunidade autónoma para acceder ao seu autogoberno".
E así recolle a cuestión da lingua: "Artigo 5. A lingua propia de Galicia é o galego".
Hai un precedente no Estatuto de Galicia de 1936, que se aprobou pero non entrou en vigor porque chegou a guerra civil.
Neste volume do Estatuto de 1981 atopamos varias páxinas en branco ao final. É por unha cuestión de edición, pero invita a pensar que quedan páxinas por escribir.