Unha empresa de Baiona deseña unha tenda de campaña para instalar na baca do coche
Unha empresa de Baiona deseña unha tenda de campaña para instalar na baca do coche
A base deste prototipo está feita en aluminio e ten capacidade para tres persoas
O modelo inclúe unha minicociña despregable no maleteiro
Levar a casa ao lombo, como os caracois. Esa é a idea. Acabouse o durmir nos incómodos asentos. Este concepto ofrece a posibilidade de incorporar un cuarto na cuberta do vehículo. En apenas dez minutos a tenda está montada.
"Poderían durmir tres persoas tranquilamente. É moi robusta, xa que a base está feita en aluminio tipo niño de abella. A lona da tenda é de poliester, deseñada para que non entre a auga e tampouco colla nin piolla nin cheiros", sinala Rafael Lorenzo, xerente de Cíclope Camper, que leva case dúas décadas adaptando o interior de furgonetas e outros vehículos.
Opción indicada para economías que non poden afrontar o custo dunha autocaravana, pero si desexan ter as mesmas prestacións durante as súas viaxes. Este modelo inclúe unha minicociña despregable instalada no maleteiro.
"O prezo, con coche, tenda e equipo incluído, é de 21.800 euros", apunta Lorenzo.
O sector da chamada camperización comezou coas furgonetas, adaptadas como vivendas rodantes. Neste eido as posibilidades son case infinitas. Sofisticación ao gusto do consumidor.
"Cun dispositivo electrónico baixamos a cama, de dúas prazas, e se queremos subímola para usar o habitáculo como garaxe para o quad ou a moto", explica Rafael a respecto dunha furgoneta que acaban de adaptar a gusto do cliente.
Recoller a tenda leva case o mesmo que despregala. Unha solución habitacional que ofrece total liberdade. Só hai que escoller o próximo destino.