Unha granxa de porco celta de Mondoñedo celebra unha xornada de portas abertas
Unha granxa de porco celta de Mondoñedo celebra unha xornada de portas abertas
Os asistentes inscritos poderán participar nunha degustación gratuíta
A cría de razas autóctonas coma o porco celta non deixa de suscitar interese. Por iso un criador da Couboeira, en Mondoñedo, decidiu organizar unha xornada de portas abertas na súa propia explotación.
A visita, prevista para o sábado vindeiro, ten como obxectivo dar a coñecer esta raza porcina tanto entre as familias con menores como entre os particulares interesados. Tamén vai dirixida aos potenciais criadores con ganas de incorporarse a esta actividade.
Nando López, criador de porco celta: "Ao longo do ano a aquí veñén moitas familias con nenos, cociñeiros e rapaces e rapazas que queren incorporarse á cría de porco celta, e xurdiu un pouco por aí".
Para a visita non será preciso inscribirse, pero si para unha degustación gratuíta que se celebrará o mesmo sábado ao mediodía. Nela, os visitantes poderán probar diversos produtos obtidos a partir da carne de porco celta.
"O día 20 ás doce da mañá recibiremos todos os participantes aquí na Couboeira. Faremos unha visita pola explotación, para ver en que consiste a crianza. E deixaremos que os asistentes poidan aclarar as súas dúbidas para despois facer unha degustación".
Ademais de porco celta, o mesmo produtor tamén cría outras razas autóctonas na súa granxa da Couboeira, coma vacas cachenas ou galiñas de Mos.