Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha avaría eléctrica ensombrece a primeira viaxe en AVE dende Galicia

Unha avaría eléctrica ensombrece a primeira viaxe en AVE dende Galicia

O tren, que saíu de Vigo minutos antes das 09:30 horas, quedou parado a escasos metros da estación de Ourense

Os novos trens comezan a circular despois de tres anos de espera

Atrasos no Alvia e nos Avant por unha avaría que cortou a vía entre Ourense e Santiago

G24.gal 21/05/2024 12:17 Última actualización 21/05/2024 21:04

Tres anos despois do que estaba previsto, Galicia estrea os trens Avril. As cidades galegas van quedando así conectadas pola alta velocidade. Na estación de Vigo vivíase o ambiente das grandes ocasións.

O flamante Avril agardaba os viaxeiros da primeira viaxe directa a Madrid en alta velocidade. Todo eran bos augurios. "Vense avances tecnolóxicos por todos lados, inmellorable", comentaba un dos primeiros usuarios. E outro esperaba "que sexa un éxito".

Pero se algo non se pode dicir do debut é que fose un éxito. En Compostela o tren paraba 6 minutos máis do previsto. Demasiados peregrinos. Pero o peor chegaría ás portas de Ourense.

"A cincocentos metros, cando xa viamos a plataforma, apagáronse as luces e díxonos a azafata que era un problema de tensión. Faltaron as luces, a cisterna do baño, que é automática nestes novos trens", contaba un dos viaxeiros.

Durante hora e media, os case 500 pasaxeiros permaneceron pechados nos vagóns. "Non se pode ir ao baño, non se pode ir á cafetería, a temperatura non sei que", queixábase unha usuaria.
"Para ser a inauguración é un desastre", lamentaba outra.

Renfe fala dun fallo na peza que conecta o tren coa catenaria, pero o certo é que pouco antes, outro tren quedara hora e media parado no mesmo punto, explicado entón por un suposto fallo na sinalización.

Finalmente, o vello Alvia chegou ao rescate do novo Avril. Remolcouno ata a estación de Ourense, desde onde puido seguir xa sen máis problemas. A viaxe inaugural chegou á capital de España ás catro menos cuarto, dúas horas e 13 minutos tarde.

Renfe tivo que recolocar noutros trens aos moitos viaxeiros que perderon os seus enlaces para outros puntos de España: para outros, a estrea da alta velocidade derivou na perda de citas médicas, entrevistas de traballo ou chegadas tarde ao traballo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade