Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha intensa sarabia estraga as hortas na Pastoriza

Unha intensa sarabia estraga as hortas na Pastoriza

Estragou hortas e leiras de millo e caeron varias árbores

Aínda quedan restos de pedrazo un día despois da sarabiada
G24.gal 19/06/2024 13:41

Un intenso pedrazo estragou hortas e cultivos na Pastoriza. A forte sarabiada colleu por sorpresa os veciños deste concello chairego, e hoxe miran desconsolados os danos que o graínzo causou nos cultivos.

"Ás catro da tarde comezou a caer e foi unha sarabiada espectacular", comenta un veciño da zona.

Imaxes máis propias do inverno, pero corresponden á tarde de martes no concello lugués da Pastoriza. Foi unha sarabiada intensa que estragou patacas, millo, kiwis e todo cultivo que colleu por diante.

"Estaba traballando co ordenador e de repente sentín uns golpes moi fortes nas ventás e xa vin que estaba caendo unha sarabiada das épicas. Fun ata a horta e quedei desolada mirando que todo quedou triturado, leitugas, repolos, todo".

"Quedou todo desfeito. Había fabas que estaban preciosas... pero agora non queda nada".

"Tíñamos uns froitos fabulosos e arrasou con todo. A nosoutros non nos quedou nada. Un desastre. Pero polo menos ninguén resultou ferido".

"Aquí foi espectacular. Desfixo as hortas, eu tiña unha finca plantada de millo e levouno todo. Xa era replantada, que ma desfixera o xabaril. Este ano xa non planto máis. Vai quedar a herba", son testemuños dos veciños que viviron a treboada en primeira persoa.

Hai quen se vai animar a sementar de novo.  

"Algo haberá que plantar, intentalo polo menos".

"A ver se polo menos recuperamos as patacas, pero vailles custar".

"Si que hei volver plantar, o que pasa é que este mes de xuño non nos está dando tregua, e agora mesmo é imposible".

Este intenso fenómeno meteorolóxico ás portas do verán prolongouse durante uns vinte minutos e provocou a caída dalgunhas árbores, que non causaron estragos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar