Unha liorta con bates en Caldas de Reis remata con dous hospitalizados
Unha liorta con bates en Caldas de Reis remata con dous hospitalizados
Segundo fontes policiais, amigos dos agredidos quixeron tomar a xustiza pola man e comezaron a perseguir os presuntos agresores polas rúas de Caldas
Estes días en Caldas de Reis só se fala do acontecido o domingo pasado, contra as oito da tarde, neste pendello situado nun descampado próximo á rúa río Umia. Unha pelexa multitudinaria, en que se empregaron bates e mesmo barras de ferro, ten conmocionada e atemorizada a vila.
Manuel Castro Escariz, Inspector xefe da Policía Local de Caldas de Reis, asegura que cando chegaron había dúas persoas feridas, un deles inconsciente. Segundo apuntou, empregaron bates de béisbol; de feito, incautáronse dun deles.
Segundo fontes policiais, amigos dos agredidos quixeron tomar a xustiza pola man e comezaron a perseguir os presuntos agresores polas rúas de Caldas; de feito colleron a un deles e déronlle unha malleira. Dúas ambulancias do 061 desprazáronse ata a zona para atender os feridos.
Manuel Castro Escariz, Inspector xefe da Policía Local de Caldas de Reis, di que houbo tres feridos un dos agresores e dous agredidos. Sinala que un estaba inconsciente cando chegaron as asistencias.
Nunha operación conxunta, levada a cabo pola Policía Local e pola Garda Civil, conseguiron localizar os presuntos agresores. Dous deles eran menores tutelados pola Xunta. A Garda Civil abriu dilixencias contra o terceiro, o único maior de idade implicado na liorta. A investigación para esclarecer as causas da mesma segue aberta. De momento recibiron dúas denuncias por un delito de lesións.