Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desmantelada unha banda que asaltaba establecementos de automoción en Pontevedra

Desmantelada unha banda que asaltaba establecementos de automoción en Pontevedra

Foron arrestados dous veciños de Caldas de Reis con antecedentes por roubos, e un deles ingresou en prisión

A Garda Civil atribúelles cinco roubos con forza perpetrados en setembro en Pontevedra, Moraña e Cercedo-Cotobade

 

Foto: Garda Civil Foto: Garda Civil
G24.gal 18/10/2024 10:57

Dous veciños de Caldas de Reis (Pontevedra) de 39 e 34 anos de idade foron detidos acusados de roubar en establecementos relacionados coa automoción na zona de Pontevedra.

A Garda Civil atribúelles cinco delitos de roubo con forza cometidos na última quincena do mes de setembro nas localidades de Pontevedra, Moraña e Cercedo-Cotobade.

Segundo sinalou o instituto armado, os arrestados dedícanse a subtraer vehículos, as súas pezas e compoñentes e a desvalixar establecementos relacionados co sector da automoción.

A banda foi desmantelada nunha operación conxunta da Garda Civil de Caldas de Reis e do Grupo de Delincuencia Itinerante da Comisaría de Policía Nacional de Pontevedra.

Os arrestados foron interceptados nun control en Campo Lameiro. Tentaron fuxir pero sufriron un accidente mentres eran perseguidos pola Garda Civil.

Os dous teñen un amplo historial delituoso e foron requiridos xudicialmente en numerosas ocasións.

Un deles ingresou en prisión tras declarar ante o xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 2 de Caldas de Reis. O outro quedou en liberdade coa obriga de comparecer ante a Autoridade Xudicial cando sexa requirido.

No marco da operación, os axentes recuperaron dous vehículos roubados, así como efectos subtraídos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade