Unha mostra de bicicletas antigas promove en Santiago a mobilidade sostible
Unha mostra de bicicletas antigas promove en Santiago a mobilidade sostible
A exposición pode visitarse na Estación Intermodal ata o día 23, no marco das actividades da Semana Europea da Mobilidade
Usáronas nenos, gardas civís, investigadores e seminaristas. Conservan as pegadas daqueles propietarios, e son unha boa maneira de percorrer a historia do século XX a dúas rodas. Estes días unha exposición de bicicletas antigas chama a atención dos viaxeiros que transitan pola estación intermodal de Santiago.
"A verdade é interesante, vimos bicicletas que tiñan os nosos avós, nosos pais, ou patinetes que usamos nós", comenta un viaxeiro. "Bicicletas que hoxe xa non ves pola estrada", engade.
Non as vemos pola estrada, pero poderiamos velas, porque as bicicletas están recuperadas e aínda en uso. Son unha mostra das marcas e modelos máis representativos en España entre os anos 40 e os 60 do século pasado. Expóñense para celebrar a Semana Europea da Mobilidade, que este ano pon o foco na eficiencia enerxética e a sostibilidade no transporte.
"Entendiamos oportuno comezar cunha exposición de bicis antigas para demostrar que hai cen anos a bicicleta era un medio de transporte individualizado e que tiña moita repercusión na cidade", explica José Ramón Mosquera, xerente de Tussa e coorganizador da mostra.
Todas son propiedade dun coleccionista galego de bicicletas clásicas, e cada unha ten detrás a súa propia historia. "Temos que agradecerllo a Eusebio Rivero, que aquí trouxo distintos modelos representativos", di Mosquera. Afirma que a el lle fai "especial ilusión" un modelo de Honor, de Honorino Méndez, que "foi pioneiro na fabricación de bicicletas".
Ademais da de Honor, a única de fabricación cen por cento galega, outros atractivos: pódese ver a bicicleta na que circulaba o investigador Antonio Odriozola pola Misión Biolóxica en Pontevedra.
Outra, adaptada para que a usara un seminarista, coa barra baixa e a malla recubrindo a roda para evitar enredos coa sotana. Outro modelo, en que patrullaba a Garda Civil, coa particularidade de levar unha lámpada de carburo. Din que había que ter coidado con ela, porque os gases que emitía podían "embriagar" o condutor.
Son algunhas das curiosidades que recolle esta mostra, que pode visitarse ata o próximo sábado en Santiago.