Unha muller e o seu bebé saen ilesos tras arder o seu coche cando circulaban por Teo
O vehículo quedou calcinado por completo na travesía de Cacheiras tras incendiárselle o motor
Un turismo, unha berlina negra, quedou calcinado en Teo, tras incendiárselle o motor cando circulaba pola travesía de Cacheiras. Non houbo que lamentar danos persoais, xa que tanto a condutora coma o bebé que levaba canda ela puideron saír do turismo ilesos.
O suceso rexistrouse a primeiras horas do sábado cando o vehículo circulaba por Cacheiras. A muller notou que o coche comezaba a arder, polo que parou fronte a un coñecido local de hostalaría da localidade e baixou co bebé.
Varias persoas intentaron axudala a apagar as lapas, pero o turismo ardeu por completo. Os clientes habituais do local levaron un bo susto sen maiores consecuencias. Tamén lograron evitar que as lapas alcanzasen ao edificio próximo.
Os traballos de extinción e retirada do coche obrigaron a cortar a estrada para facilitar as operacións dos servizos de emerxencia.