Unha muller de 48 anos morre atropelada de madrugada na circunvalación de Vigo
Unha muller de 48 anos morre atropelada de madrugada na circunvalación de Vigo
A vítima transitaba por unha zona de escasa iluminación
O condutor deu negativo nas probas de alcol e drogas
O accidente aconteceu sobre a unha da madrugada na parroquia de Navia. Segundo datos da Policía Local, unha muller de 48 anos, veciña de Vigo, transitaba por unha zona de escasa iluminación cando foi alcanzada por un vehículo. O condutor deu negativo nas probas de alcol e drogas.
Aconteceu no punto quilométrico 4 da circunvalación VG-20 que comunica a cidade coa autoestrada A-9, unha infraestrutura que non conta cunha zona reservada para o tránsito de peóns.
"No punto quilométrico onde se produciu o sinistro é na incorporación dunha estrada lindeira e a primeira hipótese que manexamos é que a muller se atopara desorientada", explica José María Martínez, comandante da Garda Civil de Tráfico.
A Garda Civil de Tráfico, coa colaboración da policía municipal, tivo que cortar o tramo de saída da cidade e desviou a circulación por unha vía alternativa. O tráfico permaneceu interrompido unhas tres horas, e recuperou a normalidade preto das cinco da madrugada.
Tamén en Vigo a pasada noite, unha moza quedou ferida tras ser atropelada na rúa Rosalía de Castro, á altura do número 9. Tivo que ser trasladada a un centro hospitalario.