Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha muller tras o altar de sete parroquias rurais na diócese de Tui-Vigo

Unha muller tras o altar de sete parroquias rurais na diócese de Tui-Vigo

Falamos coa única muller co nomeamento do bispo de Tui-Vigo para poder oficiar cerimonias relixiosas sen sacerdote

Non é algo novo, leva dezaoito anos realizando este traballo en prol da comunidade cristiá e reparte co párroco da zona as sete parroquias dos concellos de Salvaterra, As Neves e Ponteareas

Queren loitar así coa falta de curas e visibilizar o papel da muller neste tipo de celebracións

G24.gal 12/06/2022 21:49 Última actualización 12/06/2022 22:52

Soan as campás na igrexa da parroquia de Taboesa das Neves.

Este domingo a celebración será dirixida por Almudena, a única muller con nomeamento do bispado de Tui-Vigo para levar a cabo esta cerimonia sen sacerdote. 

Almudena é unha máis da comunidade e iso notámolo cando fala cos seus fregueses e freguesas.

Ao principio estaban sorprendidos, agora a súa presenza é algo cotián e normal.

Almudena reparte co párroco Clodomiro as sete parroquias dos concellos de Salvaterra, Ponteareas e As Neves. Deste xeito poden chegar a todas estas zonas rurais malia a falta de curas. Un traballo que fan conxuntamente sen distinción de xénero.

A celebración apenas dura media hora. Antes de finalizar, Almudena reparte a comuñón que foi consagrada previamente polo sacerdote. O seu traballo non remata aquí. Despois asume a catequese dos máis novos, que preparan a súa confirmación.

Esta redondelá, mestra de relixión en secundaria, non é a única en Galicia que leva a cabo este tipo de actos relixiosos. De feito, xa son moitas as mulleres que se están preparando para dirixir estas celebracións sen sacerdote.

Almudena cumprirá este outubro dezaoito anos á fronte deste tipo de celebracións dominicais, dedicación compaxina co seu traballo de docente tras licenciarse en Bioloxía e Ciencias Relixiosas. A iso hai que sumarlle un máster en Doutrina Social da Igrexa e está a piques de rematar outro sobre mulleres, xénero e cidadanía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar