Unha ollada aos problemas actuais a través dos traballos dos Premio Nobel de Economía 2022, por María Loureiro
Unha ollada aos problemas actuais a través dos traballos dos Premio Nobel de Economía 2022, por María Loureiro
OPINIÓN
Unha ollada aos problemas actuais a través dos traballos dos Premio Nobel de Economía 2022, por María Loureiro
Coma cada ano, o día 10 de outubro, facíase público o Premio Nobel de Economía. Todos os anos existe certa especulación sobre quen será ou serán os galardoados. De feito, hai unha ferramenta informática xerada por Clarivate que predí quen ten amplas oportunidades de obter un Premio Nobel no seu eido temático, de acordo ao número de citas e ímpeto da súa investigación.
Este ano, os galardoades en economía son tres estadounidenses: Ben Bernanke, Douglas W. Diamond, e Philip H. Dybvig. Un dos galardoados, Diamond, figuraba en devandita lista no ano 2011.
A Academia sueca destaca "as importantes achegas nas súas análises sobre porqué é vital evitar o colapso dos bancos" nestes períodos turbulentos. Tal afirmación parece tan obvia en si mesma, que non parece nobel, pero é fundamental. Xustamente onte o IMF indicaba no seu informe que “o peor está por chegar”, e hai unhas semanas, o presidente francés Macron falaba abertamente “do fin da era da abundancia”. A que se refiren? En xeral, refírense a certos axustes que temos que acometer nos mercados financeiros no ano 2023, pero en calquera caso, a recomendación macroecónomica é non entrar en pánico. De feito, o propio Bernanke estudou que un factor que contribuíu de forma moi significativa a crise dos anos 30 foi o pánico dos axentes económicas, agravando substancialmente situación común propias as recesións.
O IMF reduce a súa predición de crecemento para o ano 2023 a un 2,7 % global, o cal é 0.28 menor que a predición deste verán. Os factores desta parada ou freada económica son varios riscos que conflúen temporalmente. Primeiro, o risco inflacionario, sendo a misión fundamental dos bancos centrais agora o control da subida de prezos. O risco pode darse se os bancos centrais reláxanse relativamente rápido, baixando tipos de xuros, e como consecuencia non conseguindo frear a tendencia alcista dos prezos. O segundo risco global é un dólar tan alto que endebeda aínda máis aos países altamente importadores, moitos deles en vías de desenvolvemento. E o terceiro é a inestabilidade política ocasionada pola invasión de Ucraína e a consecuente crise enerxética. A todo isto, e como resultado de todo o anterior, tamén se une o alto endebedamento a nivel mundial no escenario poscovid.
Nesta tesitura complexa, hai mensaxes moi claros para os bancos centrais no informe do IMF. “Os bancos centrais deben actuar con decisión para devolver a inflación ao seu obxectivo". ”Deben garantir unha comunicación clara en tres ámbitos. Sobre as súas decisións políticas, sobre o seu compromiso cos obxectivos de estabilidade de prezos e sobre a necesidade de seguir normalizando a política monetaria”.
Tamén hai recomendacións para países emerxentes e outros altamente endebedados, incidindo que “no caso dos países que están a piques de sufrir dificultades de endebedamento, os acredores bilaterais e do sector privado deberían atopar a maneira de coordinar unha reestruturación preventiva da débeda para evitar quebras…".
Polo tanto, parece que houbo certo atino á hora de escoller aos laureados do Nobel de Economía que pregoan a importancia de manter un sistema financeiro forte, e sólido, especialmente nas épocas de crise, para evitar o temido efecto dominó. O efecto dominó implica que de caer un banco, tamén arrastraría consigo aos seus acredores, e a outros intermediarios cos que fan operacións acotío. Igual que cando deixou caer a Lehman Brothers no 2008 nos Estados Unidos un dos bancos de investimento máis importantes do mundo, aos poucos días Islandia tivo que declarar a súa bancarrota coma país. Da teoría (por postulala), e da práctica (por non querer ou poder aplicala) seguro que sabe moito Ben Bernanke, quen sendo o presidente da reserva federal americana (FED) non impediu o desenrolo destes acontecementos. Pero en calquera caso, sexa como fora, lembremos algo que el tamén sabe moi ben… non entremos en pánico!