Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres testemuñas escoitaron ameazas a Samuel: "Vouche meter unha puñalada no corazón"

Tres testemuñas escoitaron ameazas a Samuel: "Vouche meter unha puñalada no corazón"

Na súa declaración, un mozo que pasaba polo lugar dos feitos, dixo recoñecer un dos acusados, D. M., a quen se sinala como responsable de iniciar a malleira que acabou coa vida de Samuel Luiz

"Estaba a afogarse co seu sangue", relatou un deles sobre a vítima ao explicar que o virou para tratar de evitalo

G24.gal 23/10/2024 11:07 Última actualización 23/10/2024 21:02

Tres testemuñas presenciais do crime de Samuel Luiz escoitaron ameazas aquela noite: "Vouche pegar unha puñalada no corazón, que non teño nada que perder", dixo un dos agresores, supostamente D. M.

Este mércores, no xuízo que se segue por este caso na Audiencia Provincial da Coruña, foi a quenda, unha vez máis, para viandantes alleos aos feitos, e o primeiro deles relatou que viu moita xente e escoitou berros, polo que se achegou á agresión, que xa se iniciara e unha muller da contorna da vítima clamaba: "Quérenlle pegar ao meu amigo, axuda".

"Ao chegar alí, a xente estaba como un pouco calmada e vin que levaban un mozo, que ía camiñando, a quen supostamente lle pegaran. A uns cinco ou dez metros había un que o seguía, que quería ir cara a el, e estaba sen camiseta. Dixo: 'Vouche pegar unha puñalada no corazón, que non teño nada que perder'", explicou.

Ese home sen camiseta era supostamente D. M., o principal acusado, pois a testemuña afirmou que viu unha moza que coincide coa descrición da tamén acusada C. S. -entón era a súa parella- que tentaba frealo, pero "el zafouse".

Nese momento, a Samuel Luiz "protexíano" os dous cidadáns senegaleses, pero os agresores botaron a correr despois "detrás e eles", nun grupo que cre que era de máis de seis persoas, e alcanzárono para agredilo de novo.

A seguinte testemuña nesta xornada de mércores, tamén coincide nese relato dos feitos, e tamén asegura que escoitou esas mesmas ameazas a Samuel Luiz, incluída a refererencia á apuñarlle o corazón. 

Este mozo, que declarou en segundo lugar, tamén identificou a D.M. como a persoa que se dirixía cara á vítima con intención de agredilo.

Aí a súa declaración coincide coa dunha testemuña da sesión do martes, que dixo que atopou a Samuel Luiz na calzada, "inconsciente e con sangue", e achegouno á beirarrúa para evitar atropelos, onde esta testemuña o atopou.

"Estaba boca arriba, púxeno de lado porque vin que se estaba afogando co seu sangue, e chegou un señor que dixo que era médico e xa o deixei con el", concluíu.

Unha compañeira desta testemuña detallou que unha amiga da vítima pediu axuda e dixo "que a Samuel estaban a pegarlle unha malleira porque era gay".

Un porteiro do pub onde estaban a vítima e os acusados revelou que expulsou a D. M. tras dar un golpe nunha mesa coa man aberta e discutir coa súa parella, á que tamén acompañou á saída, ante o que ela "sentiu ofendida ou molesta".

Outra testemuña presencial, que ademais é policía sanitario, atopouse ao falecido xa "tombado no chan, inconsciente totalmente" e sangraba "abundantemente pola boca, os oídos e a cabeza".

Quitouse o xersei e púxoo como almofada: "Téntolle tapar coa man o rego de sangue que estaba a botar", relatou.

Nese momento apartoulle a lingua, fíxolle o boca a boca e empezou "a facerlle unha masaxe cardíaca ata que chega a ambulancia".

Tentou atoparlle o pulso no pescozo, pero non foi capaz, e mantívose na mesma situación ata que chegou o persoal sanitario de emerxencias.

Na sesión de mañá está prevista a declaración dos dous asasinos confesos de Samuel Luiz que naquel momento eran menores e están a piques de cumprir a súa condena e de tres amigos dos acusados cos que se atoparon máis tarde aquela noite. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade