Unións Agrarias reclama ao Goberno unha rebaixa do IVE da carne
Unións Agrarias reclama ao Goberno unha rebaixa do IVE da carne
O secretario xeral de UUAA, Roberto García, rexeita fixar un tope aos prezos porque entende que a industria e as distribuidoras acabarán por repercutírllelo aos produtores
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, apuntaba este luns nunha entrevista na Radio Galega, que o sector primario reclamará ao executivo unha rebaixa do IVE á carne na reunión que manterá este luns o Goberno con supermercados, distribución, industria e sector primario.
Xuntanza en que se analizará a evolución dos prezos da alimentación e o impacto da rebaixa do IVE, aprobada polo goberno, hai un mes. García cre que a exclusión da carne e da peixe na rebaixa do IVE “non ten razón de ser desde o punto de vista económico, nin desde o punto de vista ideolóxico” e cre que responde a “razóns ideolóxicas”.
“Existe un ataque ao consumo de carne liderado polo ministerio de consumo, criminalizando o consumo de carne. Agora, con estas medidas económicas continúase a profundar nunha fenda que vai contra unha alimentación equilibrada. Pedimos unha rebaixa do IVE por coherencia e por xustiza. Son elementos imprescindibles na cesta da compra e na dieta de calquera persoa. Son produtos caros e ten lóxica actuar para rebaixar ese prezo. Non se explica nin desde o punto de vista político nin desde un punto de vista económico a marxinación de produtos como a carne e o peixe”, asegurou Roberto García.
García di que se ten que resolver o problema da cesta da compra do consumidor pero descarta un tope aos prezos. Así, apunta: “As intervencións para fixar uns topes de prezos preocúpannos extremadamente porque somos conscientes de que na cadea (distribución, industria, agricultores e gandeiros) somos o elo máis débil.
Polo tanto, calquera compromiso de axuste artificial dos prezos, máis aló da legalidade, somos conscientes que acabarémolo pagando os de sempre, os que non temos capacidade de poñerlle prezo ás cousas que vendemos".
O secretario xeral de UUAA advirte que existe preocupación entre agricultores e gandeiros porque temen que a industria queira axustar os prezos máis á baixa amparándose nunha baixada da enerxía, dos fertilizantes e dos carburantes que, segundo García, non se está a dar na práctica porque nas explotacións, os custe reais seguen a ser os mesmos e abrigando aos produtores a vender por baixo dos custos de produción.
Roberto García responsabiliza os distribuidores que, segundo di, teñen a capacidade de impoñer unhas condicións económicas permanentes neste momento de crise económica.