UNICEF precisa 70 millóns para atender os menores que foxen da guerra ucraína
UNICEF precisa 70 millóns para atender os menores que foxen da guerra ucraína
UNICEF despregou 26 puntos de acollida nos países fronteirizos con Ucraína
Os menores representan a metade dos máis de tres millóns de refuxiados
A metade de todos os refuxiados provocados pola guerra en Ucraína son menores. Son o colectivo máis vulnerable e para atender as súas necesidades, UNICEF instalou 26 espazos de axuda urxente en puntos estratéxicos das rutas migratorias.
"É o primeiro momento en que intentamos facer un rexistro e identificalos, ver se veñen en familia ou se os menores están acompañados e cales son as súas primeiras necesidades. Fáiselles un pequeno exame médico", explica Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia.
Tanto os menores coma as súas familias reciben aquí os primeiros auxilios de hixiene, alimentación, roupa e atención médica e psicolóxica. Tamén os asesoran sobre como seguir a viaxe e sobre os trámites necesarios para instalarse no país de acollida.
"Tamén lles damos apoio psicosocial, hai que darse de conta de que chegan en shock polo que lles está pasando e por iso temos xente especializada: enfermeiros, psicólogos, intérpretes. Dámoslles información valiosa sobre o que teñen que facer ao chegaren aos países onde se van instalar momentaneamente", comenta.
No caso de menores non acompañados, rastrexan os seus familiares e, se non os atopan, remítenos aos servizos sociais especializados. Unicef mantén aberta unha campaña de recadación de fondos coa que calquera pode colaborar.
"Entrando na páxina Unicef.es, nada máis entrar ves “Doazón emerxencia Ucraína”, e cun clic podes doar o que consideres, a través de Bizum e dun teléfono, 900 507 300".
A Xunta achegou 30.000 euros a esta campaña. UNICEF necesita recadar 70 millóns de euros nos próximos seis meses para manter o seu dispositivo de axuda aos menores e ás súas familias.