As 15.000 caixas de benvida para os bebés que nacen en Galicia prepáranse en Boiro
As 15.000 caixas de benvida para os bebés que nacen en Galicia prepáranse en Boiro
Ademais de obsequios comerciais e do libro de vacinas, conteñen pezas de artesanía elaboradas por entidades sociais
Unha ducia de persoas con diversidade funcional realiza as tarefas nesta"fábrica social" da Asociación Amicos
Das instalacións da Asociación Amicos en Boiro saen cada ano 15.000 caixas de benvida para os bebés que nacen en Galicia. Nesta entidade ultiman un agasallo que non só contén obsequios comerciais senón tamén e, sobre todo, pezas de artesanía elaboradas polos usuarios doutras entdades sociais que hai en Galicia como esta.
Un dos usuarios deste centro é Marcelino, que controla de forma exhaustiva todo o proceso de empaquetado desta cesta. Un agasallo de benvida que contén a dedicación e o bo facer de moitas persoas usuarias de entidades sociais de Galicia, como as mulleres da casa do maior de Punxín, que teceron gorros e peúgos para os pequenos.
Adriana é outra das usuarias de Amicos, que ultima os detalles desta caixa. Móstrase admirada polo esforzo das anciás que fixeron estas prendas diminutas, e que fai uns días visitaron estas instalacións de Boiro.
Nestas tarefas exercitan, segundo explica a responsable de desenvolvemento de Amicos María Pérez, destrezas como a psicomotricidade ou a memoria. Porque esta é, segundo a denominan, unha fábrica social, un taller prelaboral onde poder ensaiar a futura inserción destas persoas con diversidade funcional.
Marcelino gábase do bo ambiente que hai. "Os monitores non nos apuran lévase moi ben, e nós uns días levámonos mellor e outro peor, segundo o día que teñamos, pero sempre nos axudamos os uns aos outros".
O que máis os enorgullece é o sentido último deste traballo: "Sabemos que cada caixa que facemos é para un novo neno que nace", explica cun sorriso Marcelino.
Unhas 12 persoas traballan diariamente neste taller. Cada ano saen de aquí 15.000 caixas como estas, suficientes para agasallar os nenos que nacen en Galicia.