Publicador de contidos
Publicador de contidos

Usuarios do porto de Miño demandan que se drague antes de reformar os peiraos

Usuarios do porto de Miño demandan que se drague antes de reformar os peiraos

Cuestionan a eficacia dos novos taboleiros flotantes que Portos de Galicia está poñendo nos embarcadoiros

Din que esas estruturas van estragar os barcos coa marea baixa e cos temporais

G24.gal 09/09/2022 13:44

Ter un amarre no porto deportivo de Miño implica estar moi pendente das mareas, porque todo o recinto queda máis ou menos en seco na baixamar. Por iso hai moito tempo que os usuarios demandan unha dragaxe da zona portuaria que non limite os seus horarios de entrada e saída dos barcos. 

Estes días acaban de empezar unhas obras de mellora dos embarcadoiros, que están sendo cuestionadas polos donos dos barcos. Din que é un traballo inútil, ou mesmo ata contraproducente, se non se amplía previamente o calado. 

Valoran positivamente a renovación da madeira dos embarcadoiros, pero non a colocación doutras extensións flotantes que lles delimitan o espazo. Din que ao baixar a marea e quedar pousadas na area poden bater co casco dos barcos e danalos.

Auguran ademais que o impacto pode ser aínda peor co efecto dos temporais de inverno. De feito poñen en dúbida que estas extensións resistan as fortes mareiras que baten neste porto.

Portos de Galicia di que a colocación dos novos taboleiros de madeira se fará por fases para ir vendo como responden coas distintas dinámicas do mar. Canto á retirada de area, aseguran que xa está incluída no plan de dragaxes dos portos galegos, pero de momento sen datas previstas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade