"Deixou o coche aí porque había outros estacionados, pero non sabía que a marea sobe"
"Deixou o coche aí porque había outros estacionados, pero non sabía que a marea sobe"
O mar anega un coche dunha familia de Murcia estacionado nunha rampla do porto de Muros que descoñecía a amplitude das mareas
Muros celebrou esta fin de semana as xornadas de cultura mariñeira Muros mira ao mar, e algún vaise acordar da festa e do mar. O día anterior xa houbo moitos que tentaron a sorte estacionando noutra zona portuaria semellante. David grabou un video anticipando o desastre...
"No porto de alí había moitos coches e fixen un vídeo. Ao día seguinte había un de Murcia que deixou o coche aí porque había outros estacionados, pero non sabía que a marea sobe. Estaba claro: tanto coche e tanta xente... Tiña que pasar"
Muros é a vila que non ten moita zona de estacionamento. A marea baixa deixa en seco ramplas duns 200 metros cadrados de superficie e aí xúntanse a fame coas ganas de comer: ducias de condutores buscando sitio para deixar o coche e unha zona despexada de turismos aparentemente segura.
Sinais de prohibición
Na vila non se sorprenderon polo suceso. Non é a primeira vez que pasa. Os turistas poden despistarse ou non saber a frecuencia das mareas. "Pensan que non sobe tantos metros e claro..."
Os afectados son unha familia murciana que foron comer e cando volveron levaron un bo desgusto. O máis probable é que o seguro non se faga cargo dos danos. A rampla utilízase para cargar e botar as lanchas e na entrada hai un sinal de prohibida a entrada.
Coches somerxibles en zonas portuarias. Un xénero de verán que medra ano a ano e do que non tardaremos en ter novos capítulos.