A quinta edición do Friulio castrexo-romano enche Friol de visitantes
A quinta edición do Friulio castrexo-romano enche Friol de visitantes
A calidade das recreacións consolida a festa como unha das grandes celebracións históricas
O Friulio vai aumentando cada ano o seu poder de convocatoria. Esta recreación histórica da época castrexa e romana estase a converter nun referente.
Nesta quinta edición contaron coa colaboración dunha trintena de asociacións especializadas nestes primeiros séculos da nosa historia.
Dende primeira hora da mañá comezan as actividades. Como se fose maxia apréndennos a facer lume ou achégannos ao traballo dos ferreiros, das fiandeiras ou dos cociñeiros daqueles tempos.
A poucos metros do asentamento castrexo, nas beiras do Narla, a druída oficia unha voda celta entre dous veciños.
Esta festa naceu hai cinco anos por iniciativa duns veciños que se foron xuntando e comezaron a construír un asentamento que agora conta con dez pallozas e outros espazos destinados a obradoiros. Todas estas edificacións están feitas grazas á colaboración desinteresada da xente.
Deste xeito o Friulio converteuse nunha festa participativa e aberta a veciños e visitantes, preludio, ademais, do Arde Lucus.