Publicador de contidos
Publicador de contidos

Valentín García: "A lingua galega ten unha delicada saúde de ferro"

Valentín García: "A lingua galega ten unha delicada saúde de ferro"

O secretario xeral da lingua asegura que o sistema educativo garante o coñecemento do idioma

Valentín García cre que a perda de falantes entre a xente moza débese a que non usan o galego para socializar

G24.gal 17/05/2024 10:06

O secretario xeral da lingua, Valentín García, asegura que a lingua galega goza dunha "delicada saúde de ferro". Nunha entrevista no Galicia por diante, destacou que o idioma está  "perfectamente instalado na sociedade" e asegura que "é a única lingua cooficial de España que é maioritaria no seu territorio".

Afirmacións que acompaña con datos porque, segundo explicou, un 75 por cento da poboación usa o galego. Unhas cifras que, ó seu ver, confirman que "ten unha ampla instalación social que garanten o seu futuro". Alén diso, recoñece que cómpre seguir traballando para promovela e coidala.

Valentín García cre que a perda de falantes entre a xente máis nova débese a que non usan o galego para socializar e rexeita que sexa a consecuencia do sistema educativo. Segundo o secretario xeral da lingua, o sistema educativo "garante o coñecemento do idioma" e destaca que o 98 por cento da poboación entende o galego e un 86 por cento sabe escribilo. 

Explica que o proceso de urbanización e o fluxo da poboación do ámbito rural a cidades nas últimas décadas provocou que se "castelanizase" esa nova poboación. O secretario xeral da lingua afirmou que "non é o sistema educativo é a socialización" que se produce nos colexios e fóra das aulas.

Entende que unha das medidas pare reverter a situación pasa polas familias e apunta que "é moi importante falarlle ás nenas e aos nenos galegos nas casas, nas familias, nas actividades extraescolares... neses ámbitos fóra da aula porque na escola temos garantido que van aprender galego. Hai que animalos a que o usen e niso estamos". 

Precisamente destaca que nesa difusión social da lingua será no que incidirá o pacto pola lingua anunciado esta semana polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude no Parlamento de Galicia. Valentín García sinala que aínda están por definir as liñas mestras do plan pero avanza que serán grandes medidas para a promoción da lingua galega e sobre todo dirixidas á xente moza porque "é a que está máis preparada ca nunca para utilizar o galego pero non o fai porque ten uns hábitos sociais distintos. Niso deberíamos incidir, na difusión social do galego". 

Confía en que os grupos da oposición se sumen a este acordo pola lingua. "É posible. Só hai que poñer vontade, arredar de maximalismos ideolóxicos e políticos porque ó final queremos todas e todos o mesmo; potenciar a nosa lingua e buscarlle un lugar na nosa sociedade", afirmou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade