Valga celebra a Candeloria coa tradicional procesión de lacóns
Valga celebra a Candeloria coa tradicional procesión de lacóns
A tradición di que ante unha epidemia encomendáronse a tres santos e ofrecéronlle o máis prezado que tiñan: os lacóns dos porcos
Pouco antes das dez da mañá, as campás anunciaban aos veciños de Valga o inicio da procesión da Candeloria.
A san Roque, santo Antonio e san Paio e aos centos de veciños que acompañaban as imaxes quedáballes por diante unha andaina de case catro quilómetros ata chegar á igrexa de Cordeiro. Unha tradición que se remonta ao século XIX.
Unha veciña explica que todo comezou cunha forte epidemia. Os veciños encomendáronse aos tres santos e ofrecéronlle o máis prezado que tiñan, os lacóns dos porcos. A ofrenda deu os seus froitos e dende aquela mantense a procesión.
Este ano procesionaron con doce lacóns. Algunhas mulleres atrevéronse a levalo na cabeza, como se facía antigamente, unha tradición que non todos poden continuar.
Ao chegar á parroquia de Santa Comba de Cordeiro, tanto as imaxes dos santos coma os lacóns introdúcense na igrexa.
Unha vez rematada a misa, procédese á tradicional poxa dos lacóns. Os prezos soen oscilar entre os trinta e os sesenta euros, pero este ano esperan que sexa máis debido á grande afluencia de xente.