Os ataques de predadores e a falta de remuda de criadores, ameazas aos cabalos do Xistral
Os ataques de predadores e a falta de remuda de criadores, ameazas aos cabalos do Xistral
"Si que quero seguir, pero é inviable, porque non dás conseguido criar unha poldra", di Javier, veciño de Ourol e criador de bestas no monte
A cría de cabalos ceibes no monte é unha tradición ancestral nas serras da Mariña lucense que está en perigo de perderse. A falta de relevo xeracional e os ataques dos predadores fan que cada vez haxa menos criadores.
Javier vive en Ourol e, ao igual que fixeron os seus antepasados, cría cabalos na serra do Xistral. Aférrase á tradición, pero cada vez quedan menos gandeiros e menos cabalos. "Queda o 30 por cento dos que había. O Xistral está vinculado coas bestas, pero agora hai moitos menos debido a que non hai relevo xeracional e aos ataques de lobo".
O último ataque dos predadores foi hai só uns días. Matan preferentemente os poldros, e Javier conta que lle é case imposible sacar adiante algunha egua nova para criar. Agora ten uns 80 cabalos, pero no último medio ano leva perdidos máis de 30. "Si que quero seguir, pero é inviable, porque non dás conseguido criar unha poldra. Hai que esperar catro anos para que sexan nais, con temperaturas frías de inverno e unha terra moi pobre. Custa moito traballo crialas".
Paula forma parte das novas xeracións de criadores, pero ve o futuro con preocupación. "Eu querer, quero. Xa vén dos meus bisavós. Eu sei que hai que ter un equilibrio entre especies, pero é que nesta zona aquí non o hai, e o lobo está desfasando todo. Para min é unha impotencia porque levo toda a vida vendo a meu pai montando en cabalo e participando na rapa, e agora xa non hai iso. E eu quero seguir vendo esas tradicións".
Aínda que con certo desacougo, novas xeracións e non tan novas están firmemente comprometidas con manter a tradición e que os cabalos continúen pacendo ceibes polo Xistral.