Publicador de contidos
Publicador de contidos

Varias superviventes de cancro integran un equipo de 'dragon boat' das Pontes

Varias superviventes de cancro integran un equipo de 'dragon boat' das Pontes

Esta modalidade de remo ten grandes beneficios no proceso de recuperación

G24.gal 28/04/2024 22:46

O dragon boat é unha modalidade de piragüismo milenaria procedente da China que demostrou posuír enormes beneficios na recuperación física e emocional das pacientes con cancro de mama.

O Club Náutico Folixa formou un equipo integrado por superviventes. Non falan do diagnóstico que un día sacudiu as súas vidas, non se mencionan tratamentos nin secuelas. As historias de supervivencia quedan en terra porque, se hai adestramento, o que toca é remar.

"Aquí chegas e es ti. Non es unha supervivente, unha persoa con cancro, esa que está esgotada todo o día; es unha máis", explica Elisa Delgado, unha das integrantes do equipo.

O equipo de barco dragón do Club Folixa comezou a organizarse hai algo máis dun ano. Os beneficios físicos desta disciplina deportiva na recuperación das mulleres con cancro de mama son moitos e están comprobados. Aínda que quizais o máis valioso é o beneficio emocional.

"Sentímonos unha máis, esquecemos os nosos problemas e, sobre todo, compartir a experiencia de pasar por un cancro coas compañeiras  é reconfortante. Cunha mirada entendémonos", conta Tania Casal, a capitá.

"Cando pasas por un proceso así acabas esgotada, sen ilusión. Cando entras no equipo sénteste querida, apoiada", asegura Raquel Calvo, que chegou ao equipo hai só dous meses.

Compresión e empatía entre mulleres que transitaron o mesmo camiño e que navegan xuntas ao ritmo do tambor nas augas da lagoa das Pontes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade