Sete detidos en Boiro, Madrid e Portugalete polo alixo de droga do Nuevo Furuno
Sete detidos en Boiro, Madrid e Portugalete polo alixo de droga do Nuevo Furuno
O Xulgado de Instrución Número 2 de Corcubión instrúe o caso que está baixo segredo de sumario
O patrón e o único tripulante do Nuevo Furuno, detidos hai meses, tamén son de Boiro
Sete persoas foron detidas este martes presuntamente relacionadas co alixo de 1.400 quilos de cocaína intervido no Nuevo Furuno. As detencións efectuáronse tras o rexistro de varias vivendas de Boiro, Madrid e Portugalete.
Os sete arrestados xa foron trasladados a dependencias policiais pendentes de pasar á disposición do Xulgado de Instrución Número 2 de Corcubión que instrúe o caso.
O Nuevo Furuno foi intervido o pasado mes de agosto no porto de Santa Mariña en Camariñas con 1.400 quilos de cocaína ocultos nas súas adegas. Na chamada operación Lume Bo B, a UDYCO e o Servizo de Vixilancia Aduaneira lograron identificar dúas persoas, o mariñeiro que custodiaba o barco, que foi detido no momento, e o que figuraba como dono do pesqueiro ao que declararon en busca e captura. Os dous vivían desde había pouco en Camariñas, pero eran de Boiro.
A investigación mantívose aberta para dar con él e descubrir o resto dos implicados desde o envío ata o destino final. O 1 de decembro foi detido en Boiro, Luis Alfredo Yáñez, patrón e dono da embarcación despois de estar catro meses fuxido da xustiza.
A investigación continúa aberta e baixo segredo de sumario.