Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cae a maior ponte de Baltimore tras impactar un cargueiro contra un dos seus piares

Cae a maior ponte de Baltimore tras impactar un cargueiro contra un dos seus piares

Hai dous superviventes e polo menos sete desaparecidos, aínda que non hai cifra definitiva, xa que pola ponte cruzaban coches no momento do impacto

Non hai feridos entre os 22 tripulantes do cargueiro que chocou contra un piar da ponte tras perder propulsión

Os expertos, sorprendidos polo derrubamento da ponte en Baltimore con menos de 50 anos de antigüidade

Lembramos o accidente das Pías en 1998, cando un buque derrubou a ponte da ría de Ferrol

Foto e sinal en directo de Reuters Foto e sinal en directo de Reuters
G24.gal 26/03/2024 08:53 Última actualización 26/03/2024 15:11

A ponte Francis Scott Key de Baltimore (Maryland, EUA) derrubouse na madrugada deste martes despois de que unha embarcación de gran tamaño con contedores chocara contra un dos seus piares. Gran parte da estrutura metálica derrubouse decontado.

O viaduto une dúas partes da cidade de Baltimore sobre o río Patapsco. O choque produciuse á 01:30 hora local (05:30 GMT), con menos tráfico do habitual.

Hai dous superviventes e polo menos sete desaparecidos 

O xefe de bombeiros de Baltimore, James Wallace, informou os medios locais de que dúas persoas foron rescatadas con vida -unha delas en estado grave- das augas do río Patapsco.

Un helicóptero e tres barcas da garda costeira buscan no río Patapsco, en Baltimore, polo menos sete desaparecidos, aínda que as autoridades descartaron ofrecer unha cifra definitiva. Na zona atopábanse nese momento traballadores que estaban a efectuar labores de reparación do asfalto e os servizos de emerxencia informaron de que os seus radares identificaron coches baixo a auga.

Os responsables do operativo de rescate indicaron nunha conferencia de prensa que axentes federais, locais e estatais participan no dispositivo despregado para afrontar o que o alcalde de Baltimore, Brandon Scott, cualificou de "traxedia".

A zona está cortada e a prensa só pode acceder a preto de 1,6 quilómetros de distancia do lugar. O porto, un dos máis grandes e con máis tráfico do planeta, foi pechado ata nova orde, pero si seguen operativos os camións de carga e descarga.

O secretario de Transporte de Maryland, Paul Wiedefeld, indicou perante a prensa que a baixa temperatura da auga, a súa profundidade, duns 15 metros, e a escuridade cando se produciu o suceso dificultan o traballo.

O gobernador de Maryland, Wes Moore, declarou o estado de emerxencia polo derrube, que bloqueou partes da ruta I-95, a máis importantes do leste de Estados Unidos.

"É unha situación moi complicada", dixo nunha das moitas comparecencias que hai previstas ao longo do día para ofrecer os últimos detalles.

Sen feridos entre os 22 tripulantes do cargueiro, de 289 metros de eslora

O cargueiro Dali, con bandeira de Singapur e 289 metros de eslora, saíra de Baltimore cara a Sri Lanka trinta minutos antes do sinistro. 

A empresa singapurense Synergy Group, que opera o barco, confirmou que ningún dos 22 tripulantes do navío resultou ferido e asegurou que colabora coas autoridades para determinar as causas do incidente.

 O cargueiro notificou ás autoridades que perdera o control e a propulsión cando saía do porto de Baltimore. Imaxes da colisión dunha cámara instalada no Porto de Baltimore mostran como o cargueiro, de 300 metros de eslora, perde a electricidade e sómese na escuridade varias veces antes do impacto.

Unha gran columna de fume, aparentemente procedente das chemineas do navío, é expulsada da popa antes do derrube, que se produciu á vez que era visible o paso de camións e vehículos por esta ponte de máis de 2 quilómetros de lonxitude na estrada I-695.

O cargueiro Dali, de bandeira de Singapura, estaba a partir de Baltimore camiño de Colombo (Sri Lanka) e ten unha capacidade de carga de 95.000 toneladas.

Synergy Group é unha empresa de transporte marítimo que xestiona unha frota de máis de 600 buques mercantes e é propiedade da compañía tamén singapurense Grace Ocean.

A ponte metálica de 1,6 millas (2,5 quilómetros) forma parte da autoestrada Interestatal 695 de Maryland, que rodea Baltimore. En 2023, a ponte tivo un tráfico total de 12,4 millóns de pasaxeiros, segundo o Goberno do Estado. A policía descarta un ataque terrorista

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade