Veciños do Rosallo, na Estrada, levan tres meses sen Internet nin teléfono fixo
Veciños do Rosallo, na Estrada, levan tres meses sen Internet nin teléfono fixo
Os cables da fibra caeron ao chan polos temporais e o poste que os suxeita podreceu
Solicitan que lles restablezan o servizo e que Telefónica substitúa o poste, que ten risco de caída
Amarrados con precintos a unha viña e sostidos por un poste con risco de caída. Así están os cables que levan a fibra ao lugar do Rosallo, na parroquia estradense de San Xurxo de Vea. O temporal de outubro tirou os cables cara ao asfalto e desde entón non teñen nin Internet nin teléfono fixo en moitas das casas.
"Apartei os cables da estrada para que non afectaran a circulación de coches, e desde entón aí quedaron, atados á miña viña polos servizos de Emerxencias da Estrada". "Chamamos ao 1004 de Movistar, din que nos van atender, pero aquí non veu ninguén dar solución". "Se tivese que estudar no ordenador non podería, non hai maneira de conectar Internet", comentan os veciños afectados.
Sospeitan que o principal atranco está no vello poste que suxeita a instalación. A madeira podreceu na base e é perigoso subir para restablecer o servizo.
"Eu creo que terían que cambiar o poste enteiro para recuperar o servizo. Aí no sinal pon perigo non subir. Vedes que poste está roto e podre, non me estraña que o técnico non suba, pode caer e iso non o quere ninguén", di unha veciña.
Ademais, os veciños temen que o mal estado deste e doutros postes da parroquia, provoque unha desgraza algún día.
"Os de madeira poden caer calquera día cun temporal". "Pode caerlle enriba a un coche ou algún peón que pase por baixo". "Ou me pode caer diante do meu portal e quedo sen poder saír da miña casa", advirten os afectados.
Polo momento lograron que lles devolveran a factura de dous meses, xa que seguiron pagando por un servizo que non recibiron. Pero o que precisan é que se retome a conexión para poder comunicarse, estudar e traballar desde a casa, como os demais clientes.