Veciños de Cambre acoden á Valedora polos ruídos nocturnos dun local
Veciños de Cambre acoden á Valedora polos ruídos nocturnos dun local
Acusan o Goberno municipal de non facer caso das súas queixas e de permitir a apertura dun bar que incumpre, din, a normativa
A rúa da Tapia, no Temple, no concello de Cambre, ten polo día un tráfico incesante de vehículos de todo tamaño e, polo que vemos nesta fachada, as noites tamén teñen ambiente de altos decibelios. É o que din os residentes máis próximos desde a apertura deste bar que, contan, abre ata a madrugada todos os días.
Paula Mariñas Veciña da rúa da Tapia explica que "hai moito ruído no exterior, pero tamén dentro das nosas vivendas. Escoitamos a música dentro dos nosos dormitorios e temos informes da policía confirmándoo, pero seguimos convivindo con isto".
"Ruídos, leas, pelexas, ruídos... non descansamos, non durmimos ben e o Concello o que dá son largas", engade o presidente da comunidade de veciños, Antón Castelo.
Afirman os prexudicados que o Goberno de Cambre está a incumprir a súa propia normativa, que impide a apertura dun local nesta situación se xa hai outro no espazo lindeiro.
"E se me ve o señor alcalde ou o señor concelleiro de Urbanismo: estamos fartos. Non somos políticos. Somos veciños fartos de toda esta situación. Iso é o que estamos, fartos", conclúe o representante da comunidade de veciños.