Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Cerponzóns quéixanse do risco que supoñen os vellos postes de telefonía

Veciños de Cerponzóns quéixanse do risco que supoñen os vellos postes de telefonía

Xa caeron varios postes preto de casas e camiños da parroquia

Piden que Telefónica retire ou renove os postes que podreceron

G24.gal 28/12/2023 14:22

Hai máis de dous meses que este poste caeu na viña desta casa de Cerponzóns, en Pontevedra. A madeira podrecera hai anos, e o temporal fixo o resto.

"Menos mal que caeu de noite e o parou a viña, de día pasamos por aí sempre para ir á leira, poderiamos ter unha desgraza", di Marina, a propietaria da casa afectada.

Marina, coma outros tantos veciños da parroquia, esta farta de chamar a Telefónica para pedir a retirada ou a renovación dos postes. Polo momento, ninguén atendeu as súas reclamacións.

"Din que van vir, pero aínda non apareceron", lamenta Marina.

"Teño unha colección de códigos de referencia das incidencias, chamas e danche o código, pero despois non volves saber nada", explica Juan José Esperón, explica o secretario da Asociación Veciñal O Chedeiro de Cerponzóns.

Algúns foron sinalizados cunha chapa vermella para advertir do perigo que supón subir a eles. Algo que para os veciños é proba do mal estado en que se atopan. 

"Cremos que o puxeron por un tema de prevención de riscos laborais, para que os traballadores de Telefónica non subisen aos postes que están peor. E os veciños que? A nós tamén nos poden caer enriba", di Esperón.

"Calquera día cae enriba dunha casa, dun coche ou dun neno que estea xogando", engade outro veciño.

Non só se trata dun problema de seguridade. Estes veciños queren poñer unha canaleta para evitar que o exceso de humidade entre no dormitorio. Pero o poste que teñen apoiado no tellado impídelles facelo.

"Non podo facer a obra da canaleta porque teño ese poste aí pegado. Agora entra moita humidade e fai mofo dentro, e iso prexudica á persoa maior que durme na habitación. Chamei a Telefónica, pero nada", di a veciña afectada.

Din que, despois de máis de 50 anos de servizo, é hora de renovalos por outros que leven a telefonía fixa en condicións de seguridade ás parroquias rurais de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade