Reclámanlle ao Concello de Santiago que poña freo á contaminación por ruído que sofre a cidade
Reclámanlle ao Concello de Santiago que poña freo á contaminación por ruído que sofre a cidade
Reclámanlle ao concello que adopte medidas para que se cumpra coa normativa en materia de ruídos, que, afirman, non se está a cumprir
Ao tempo, demandan máis medicións, intensificar a vixilancia policial nas rúas e máis sancións
Este martes na Radio Galega quixemos abordar a problemática do ruído nas cidades, que levou varias asociacións de veciños de Santiago a conforman unha plataforma de denuncia.
Manifestan que o ruído é un problema de anos, debido ó ocio nocturno, pero tamén a outros factores como o tráfico no centro da cidade. Neste momento, o colectivo traslada que as zonas máis afectadas por esta problemática serían a zona vella e tamén a zona do Ensanche.
Coa constitución desta plataforma, os veciños elevan o seu malestar ás autoridades municipais, ás que lle piden que adopten as medidas necesarias para facer cumprir coa normativa existente nesta materia. Ó tempo, pide que se mellore a presenza da policía local nas rúas, e máis sancións.
"É necesario mellorar a presenza da policía local nas rúas e que empecen a multar", expresa Jon Brokenbrow, membro da plataforma antirruído.
O colectivo incide na idea de velar pola saúde dos cidadáns, e que, ao igual que as industrias producen contaminación atmosférica, os ruídos provocan outro tipo de contaminación que resulta prexudicial para as persoas.
"O concellos teñen que decatarse de que o ruído é un problemas que afecta os veciños e que moitas veces é provocado por xente que vén de fóra", puntualiza Brokenbrow.
A plataforma antirruído de Compostela reclama máis medicións dos niveis de ruídos, persoal formado no manexo destes equipos e intensificar a vixilancia policial nas rúas para evitar o barullo a altas horas da madrugada, que condiciona o descanso da veciñanza.
O representante da plataforma antirruído de Compostela trasladou que o colectivo veciñal está pendente de reunirse coa alcaldesa de Santiago para abordar este asunto.