O ruído na rúa das noites de copas penaliza a residentes e donos de aloxamentos turísticos
O ruído na rúa das noites de copas penaliza a residentes e donos de aloxamentos turísticos
A dona do Hostal San Paio tivo que devolver máis de 500 euros a uns clientes polo excesivo balbordo nocturno
A convivencia entre festeiros da noite e quen procura durmir na zona vella de Santiago próxima á Catedral é moi difícil, polo que conta Sheila. Desde abril rexenta este hostal en San Paio de Antealtares. O balbordo e as liortas nocturnas, sobre todo os xoves, venres e sábados, obrigárona a baixar prezos e xa lles pasaron factura a maiores.
"A primeira noite que facía cartos xa tiven que devolver 504 euros a clientes polo ruído de pelexas, discusións, parellas pelexando. Estragaron a pechadura o outro día, tamén nos lanzaron botellas contra as ventás, etc... Non é imaxe bonita que os peregrinos sigan o seu camiño a Fisterra e atopen na rúa ás seis da mañá xente aquí drogándose, mexando e facendo o demais...", conta a propietaria do novo Hostal San Pelayo.
"Os meus clientes dormen unha noite ou dúas como moito. Pero para a xente que vive aquí acotío é insoportable", engade Sheila Rodríguez Barrán.
Incivismo e excesos no horario de peche e no número de mesas en terraza son factores dun problema que precisa da acción municipal, segundo os prexudicados.
"Hai casos noutros concellos en que os alcaldes tomaron a iniciativa e se puxeron á fronte reunindo veciños e hostaleiros e resolveron o problema", afirma Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños Fonseca.
Sheila Rodríguez Barrán sinala: "Desde as dúas da tarde ata as seis da mañá non hai tregua. Non hai un momento en que poidas botar unha sesta ou empezar a durmir".
"O dereito ao descanso é irrenunciable. O que non pode ser é que a festa nocturna de Santiago chegue ás seis da mañá con liortas, berros na rúa...", conclúe Roberto Almuíña.
A conciliación entre o negocio e o descanso podía lograrse, din, vixiando o cumprimento da normativa e adiantando a hora de peche dos locais de ocio nocturno na zona vella de Santiago.