Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños dun edificio de Santiago denuncian ruídos, ameazas e danos que causan uns ocupantes ilegais

Veciños dun edificio de Santiago denuncian ruídos, ameazas e danos que causan uns ocupantes ilegais

Din que os ocupantes invadiron a vivenda en 2020, e sospeitan que pode tratarse dun 'narcopiso'

Fachada do edificio, na rúa Quiroga Palacios Fachada do edificio, na rúa Quiroga Palacios
G24.gal 27/09/2023 13:46

Os ocupantes ilegais dun piso no centro de Santiago traen de cabeza a comunidade de veciños. Din que o calvario comezou en 2020, cando un home e unha muller invadiron un apartamento na planta superior do edificio, situado na rúa Quiroga Palacios.

Dende entón -denuncian- conviven coa música ou os berros de madrugada, con insultos, ameazas e mesmo con danos no edificio. Contan que estes ocupantes regaron con pintura as portas de dúas vivendas, fixeron enganches ilegais á luz, e manipularon as tubaxes da auga, causando unha inundación no inmoble.

Sospeitan ademais que pode tratarse dun narcopiso, onde se trafica e se consome droga.

Despois de varias denuncias, din que en outubro de 2022 prenderon o home, que tería "contas pendentes" coa xustiza. Pero afirman que a situación pouco mellorou, e que a muller segue provocando problemas de convivencia.

O propietario do piso e a comunidade de veciños xa teñen en trámite no Xulgado nº2 de Santiago as demandas pola invasión do domicilio, para tentar desaloxalo.

Mentres, os veciños afirman que viven con medo destes ocupantes, e con medo tamén de que veñan outros: din que xa conseguiron evitar outra invasión porque estaban no edificio e chamaron no momento a policía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade