Publicador de contidos
Publicador de contidos

Venancio Salcines: "O sistema educativo non está preparado para asumir as necesidades formativas en IA"

Venancio Salcines: "O sistema educativo non está preparado para asumir as necesidades formativas en IA"

O Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) organiza hoxe e mañá na Toxa un foro sobre transformación dixital e intelixencia artificial

O presidente do Consello Reitor de CESUGA di que en Galicia "hai máis de 20.000 persoas traballando en tecnoloxía en Galicia, con pleno emprego no mundo da programación"

Salcines resta importancia aos empregos que se poderán perder coa IA porque "chegarán outros postos de fondo" de alto valor innovador

G24.gal 11/07/2024 10:21

O presidente do Consello Reitor do Centro de Estudos Superiores Univeritarios de Galicia (CESUGA) Venancio Salcines afirma: "O sistema educativo non está preparado en absoluto para asumir as necesidades formativas en Intelixencia Artificial (IA). De feito, defendo unha universidade privada. É un modelo totalmente distinto ao da pública".

Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega. A illa da Toxa acolle este xoves e venres un foro sobre intelixencia artificial na xestión empresarial. O encontro está organizado polo Centro de Estudos Universitarios de Galicia, que reunirá preto dun cento de profesionais e expertos que debaterán sobre a situación actual da transformación dixital e a Intelixencia Artificial aplicadas ao mundo dos negocios e cara a onde encamiñan os seus pasos. 

Venancio Salcines explica: "A IA entrou na nosa vida hai pouco tempo pero con moita forza. O debate foi no marco das compañías tecnolóxicas, que eran as que falaban de como ía impactar en nós. Pero non se fixo un debate serio, un debate moi de fondo en España de como sería o impacto no mundo da empresa, como iamos asimilar isto no mundo das compañías. Ese é o obxectivo que ten o encontro da Toxa este ano, que é intentar entender como vai impactar, cando o vai facer e como debería ser".

Sinala: "Collemos máis de cen directivos de empresa. Non é un evento que estea formado por expertos en tecnoloxía. Está conformado por expertos de compañías bastante importantes, bastante grandes, que xa están a implantar ou xa teñen en mente a implantación [da IA] e que veñen a contarnos ao resto como van facelo, como o van asimilar e que vantaxes cren que vai ter para as súas empresas. Imos aprender do coñecemento doutros directivos, do coñecemento doutros empresarios, que, ao final, isto é o importante porque isto é unha linguaxe e o mundo da empresa ten unha linguaxe propia. O que queremos facer é escoitar esa linguaxe".

Salcines resta importancia á posibilidade de que a IA poida reducir determinados empregos. Comenta: "Isto é como cando chegou a robótica. Aí temos a fábrica de Stellantis en Vigo. Cando chegou a robótica, determinadas accións mecánicas manuais foron substituídas. É esperable que ocorra o mesmo no mundo dos servizos, que determinados comportamentos que son repetitivos e que teñen pouco de innovador tamén sexan substituíbles. Pero chegarán outros postos de fondo".

O presidente do Consello Reitor de CESUGA corrobora: "Agora mesmo Galicia é unha potencia en tecnoloxía. Temos máis de 20.000 persoas traballando en tecnoloxía en Galicia. Temos pleno emprego no mundo da programación. Un sae mañá da facultade ou dunha FP con estudos de programación e ten traballo ao día seguinte. É certo que temos postos de traballo que van sufrir: os que son moi repetitivos, moi predicibles. E temos outros postos de traballo que van nacer. Isto é a vida mesma. Pero o importante é estar sempre na vangarda do cambio".

Venancio Salcines considera: "O sistema educativo non está preparado en absoluto para asumir as necesidades formativas en IA. De feito, defendo unha universidade privada. É un modelo totalmente distinto ao da pública. Nós temos un sistema educativo enormemente ríxido e o mundo xa non é ríxido. O mundo nos anos 50 ou 60 podía ser un mundo estable. Un mundo tranquilo, un mundo predicible, pero agora o mundo é totalmente cambiante. Non ten moito sentido que ti te metas nun coñecemento de vangarda cun cadro de funcionarios. O do funcionario é un coñecemento estable que se mantén no tempo, cando aquí o coñecemento que está hoxe en vigor ao mellor non o está dentro de cinco anos ou dentro de dez anos".

Neste senso, di: "O que requires sempre é talento que pode cambiar. Iso require que teñamos un cadro de docentes e un cadro de profesores que ao mellor nos valen por catro, cinco, dez ou oito anos, pero que non valen dentro de vinte. Por que? Porque hai demasiados cambios e tes que substituír ese cadro docente por outros docentes. É dicir, tes que ter un cadro de persoal enormemente flexible porque os cambios tamén son así. Se tes coñecementos de tecnoloxía, cando está moi aplicada ao mundo da empresa, tes que ter unha axilidade enorme. Por exemplo, en España para ser docente de FP tes que estar habilitado cun mestrado en educación. Pois vai ti buscar un experto en Intelixencia Artificial que teña un mestrado en educación. Onde o encontras?".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade