Verín presume de Entroido nas redes sociais
Verín presume de Entroido nas redes sociais
O Concello lanzou unha campaña que xa supera as 250.000 visitas
Baixo o lema 'Ser ou estar', exalta o espírito entroideiro da veciñanza
Dentro e fóra de Verín, todo o mundo coñece o cigarrón. É a figura que encarna a esencia do Entroido na vila do Támega, un dos famosos vértices do triángulo máxico da provincia de Ourense. Pero a paixón polo entroido en Verín vai máis alá.
Carlos Montero, responsable de Comunicación do Concello de Verín: "Xente normal que, cando chega o Entroido, esperta o alter ego que temos todos os verineses e vaise transformando en diferentes personaxes".
Para ilustrar ese sentimento botaron man do nutrido elenco local do sector audiovisual, desde actores e actrices a produción, guión e dirección.
Álex Nieves, produtor da campaña: "E creo que iso foi o que lle deu esa maxia que tanto está calando entre os veciños e veciñas: que o facemos xente entroideira para xente entroideira".
Todas as curtas están rodadas en Verín e inspíranse en momentos representativos do seu Entroido.
Rubén Riós, actor e director: "Estamos nun dos sets onde rodamos un dos vídeos, con Toni Salgado. É un comercio local, co que tamén transmitimos esa diversidade gastronómica que temos, a través do Entroido".
A campaña, que se pode seguir polas redes sociais do Concello, xa leva 250.000 reproducións.