Vía libre para cazar xabarís na maior parte do territorio galego
Vía libre para cazar xabarís na maior parte do territorio galego
Entrou en vigor a emerxencia cinexética ata o 25 de febreiro de 2024
Permítese a captura de exemplares sen límite en 248 concellos de Galicia
Desde este sábado e ata o 25 de febreiro está en vigor a emerxencia cinexética que permite a caza do xabaril na maior parte dos concellos galegos.
O obxectivo desta medida é tratar de controlar as poboacións deste animal que causa accidentes de tráfico e danos en cultivos agrícolas.
Os xabarís ocasionan danos millonarios no campo e son causa de máis de 3.000 sinistros de tráfico cada ano.
"Non é que haxa máis xabarís ca antes, o que hai é un cambio de hábitat, deixaron o monte e pasaron para a cidade e na cidade vense", asegura Francisco Couselo Castiñeira, presidente da Federación Galega de Caza de Pontevedra.
Para reducir a poboación de porcos bravos, a Xunta adoptou unha medida excepcional: activou a emerxencia cinexética entre este sábado e o 25 de febreiro, cando remata a tempada de caza. Poderanse cazar xabarís practicamente sen límite no 80 % do territorio galego.
"Non se poden abater crías ou femias seguidas de crías sen permiso expreso, poden saír a cazar aos tecores que así o teñan na previsión anual, os xoves, sábados e domingos. Se non o teñen no plan de ordenación e desexan cazar outro día da semana, teñen que solicitalo", explica.
É a terceira vez en cinco anos que se aplica esta medida extraordinaria.
"Acabar cos danos vai ser imposible. O xabaril é un animal que se reproduce con moita facilidade. Non fai falla que chegue aos tres anos para adquirir a madurez sexual, vai por quilos, unha vez que chega aos 30 quilos é un adulto e pode procrear".
Nas zonas urbanas empregaranse gaiolas para a captura dos xabarís.