Viana do Bolo prepárase para os días grandes do Entroido
Viana do Bolo prepárase para os días grandes do Entroido
Os folións xa resoan na montaña e nas rúas da vila
A medida que se achegan os días grandes do Entroido, todo ten que estar a punto, desde os traxes aos instrumentos
Desde o 1 de febreiro, Xoves de Compadres, andan xa os folións por Viana. O seu son, retumbando por rúas e canellas, é característico do Entroido, coma os boteiros e as comparsas que quixo reflectir no cartel deste ano a deseñadora máis precoz de Viana.
"Reflicte todo o orgullo que sinto eu por Viana e polo noso Entroido. Por iso o titulei Orgullo vianés", explica Noa.
Tradicionais e autóctonos coma os folións son os bombos que empregan, cen por cento da terra.
José Antonio Vaz, artesán de bombos: "As peles son dun peleteiro veciño de aquí. Canto mellor sexa a pel, mellor soa. É a base".
José Antonio é dos escasos artesáns que quedan pola zona. Traballa neles todo o ano, aos poucos, porque non admiten présas. Está sorprendido coa demanda deste ano. Fixo 22 bombos novos, e as habituais reparacións de peles que hai que ir substituíndo polo uso.
Cada aldea e cada barrio teñen o seu folión e cada folión, o seu son
"Eu estou estudando fóra e agora estou aquí polo Entroido, porque é algo que non podo perder, un sentimento que vivimos desde pequenos", di Uxía, participante dun folión.
Os boteiros son os que se encargan de lle abrir paso ao folión. Dese pequerrechiños empezan a empaparse nunha tradición que ten remuda asegurada.