Vieites (CEG): "Entre todos temos que navegar para implementar a eólica mariña"
Vieites (CEG): "Entre todos temos que navegar para implementar a eólica mariña"
O presidente da patronal critica que a reforma das pensións non parta do diálogo social
Considera fundamental para as empresas galegas o corredor atlántico de mercadorías
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, considera que a nosa comunidade pode representar un papel importante no desenvolvemento da enerxía eólica.
Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, aposta por buscar un equilibrio entre o sector da pesca e o da industria, con estudos científicos, para aproveitar o que considera "unha oportunidade".
"Temos que ser tractores desas 200 empresas que traballan xa facendo muíños para a eólica mariña, cunha actividade socioeconómica importante (...). Entre todos temos que navegar pola implementación da eólica mariña".
Lembra que arestora hai máis de 1.200 persoas traballando en proxectos de muíños mariños e asegura que se poderían xerar 8.000 empregos.
Sobre o acordo para reformar as pensións, o representante da patronal galega critica que sexa unha "proposta unilateral" do Goberno e que non parta do diálogo social.
"A deterioración da calidade institucional que se está a producir é clara. O Goberno está a facer as súas cousas de xeito unilateral".
Dende o seu punto de vista, "son medidas electoralistas" que deixan de lado as empresas.
"Onte oiamos que o secretario xeral da UXT dicía que unha persoa que non queira coller un posto de traballo a primeira vez, á seguinte xa hai que quitala das listas do paro. Ese é o camiño".
Respecto ao corredor atlántico de mercadorías, Vieites pensa que "é fundamental para as nosas empresas". Di que se se están a dar os pasos axeitados e avoga por acelerar as propostas e os traballos.
No que atinxe á conexión da alta velocidade con Portugal, o presidente da CEG subliña a importancia de seguir traballando co Goberno de España para que esta infraestrutura sexa unha realidade canto antes.