Vieites: "A suba do salario mínimo e a presión fiscal van na dirección contraria"
Vieites: "A suba do salario mínimo e a presión fiscal van na dirección contraria"
O presidente da patronal galega reclama medidas para facer fronte ao elevado custo da enerxía
"Se o tecido produtivo non se move e as familias non consomen, imos ter un problema grave"
O presidente da patronal galega considera necesario facer fronte axiña ao elevado custo da enerxía. Segundo dixo nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) tenta presionar o Goberno de España e a Xunta para que se tomen medidas neste sentido.
Juan Vieites teme que a situación actual desemboque nunha crise económica e advirte que se o tecido produtivo non se move e as familias non consomen, imos ter "un problema grave no futuro".
Critica a suba do salario mínimo interprofesional e o aumento da presión fiscal, medidas que ao seu parecer "van na dirección contraria" e afondan no desemprego.
"Iso é moi negativo. Temos que crear investimento e un clima de bondade para que as empresas sigan creando emprego", asegura.
Reclama políticas para que a capacidade produtiva poida adaptarse á situación complexa actual. Segundo dixo, a patronal presentoulle ao Goberno unha proposta para reducir a estrutura administrativa, uns "60.000 millóns de euros de abaratamento dos nosos custos", pero polo momento non houbo avances.
Augura uns meses complicados nos que as familias e as empresas "van sufrir moito", polo que lles reclama ás Administracións "sentidiño" e abordar canto antes os grandes proxectos para Galicia.