Vigo, a cidade de Galicia cos alugueiros máis caros, segundo o Idealista
Vigo, a cidade de Galicia cos alugueiros máis caros, segundo o Idealista
O portal dá unha mensualidade media de 744 euros para un piso de 80 metros
O prezo do alugueiro medio en Galicia é de 511 euros segundo o portal El Idealista, unha cifra superada con creces por Vigo, que, segundo o devandito portal, é de 744 euros, o IGVS redúceo a 609 euros.
O poder de atracción de Vigo, a súa capacidade para xerar emprego e o recente tirón turístico poden ser as causas destes prezos.
A contorna de Torrecedeira, con dúas escolas de comercio e de enxeñeiros, é unha das zonas con maior parque de alugueiros de Vigo. Hai moitos pisos de estudantes e os prezos aquí xa superan os 700 euros.
"Levo tres anos seguidos no mesmo sitio e só me poden subir uns 25 euros cada ano ou así, pero está nos 800 euros agora mesmo".
"Pagamos 250 euros nun piso compartido, e somos tres".
"Si que é verdade que aquí están caros, non sei en comparación pero si que teño amigos en Santiago e eles pagan menos".
Outro dos grandes focos de alugueiro en Vigo podémolo situar na contorna de Balaídos. Aquí hai algunha ganga se comparamos cos prezos do centro urbano.
"Levamos vivindo tres anos e pagamos 500 euros".
Moitos xa non pagan alugueiro pero consideran que con estes prezos e os salarios que hai cómpren solucións para que os mozos e as persoas con soldos baixos poidan acceder a unha vivenda.
"Imaxino que os pisos turísticos teñen moito que ver, ao haber pouca oferta, soben os prezos".
"Terían que solucionalo en lugar de facer moitas festas e moitas cousas que fan, esa xente tería que mirar máis estas cousas".
E a escalada segue, segundo os datos do Idealista, o metro cadrado alugado en Vigo está xa a 9,30 euros de media, un 4,8 % máis ca o ano pasado.