Publicador de contidos
Publicador de contidos

Villarejo di que a Operación Cataluña se deseñou desde as "entrañas" da presidencia do Goberno

Villarejo di que a Operación Cataluña se deseñou desde as "entrañas" da presidencia do Goberno

Estaba destinada a desprestixiar a políticos cataláns, e nela participou o CNI, segundo a declaración do excomisario Villarejo

O excomisario José Manuel Villarejo O excomisario José Manuel Villarejo
G24.gal 10/05/2023 22:42

O comisario xubilado José Manuel Villarejo asegurou este mércores que a denominada Operación Cataluña para presuntamente danar a imaxe de políticos cataláns independentistas se deseñou desde as "entrañas" da presidencia do Goberno de Mariano Rajoy e foi dirixida polo Centro Nacional de Intelixencia (CNI).

Villarejo protagoniza no Congreso a estrea da nova comisión de investigación, que pretende indagar de novo sobre a suposta trama parapolicial do Goberno do PP para espiar o extesoureiro do PP Luís Bárcenas e para obter información sobre políticos cataláns.

Sobre este segundo asunto detívose o portavoz do grupo socialista Felipe Sicilia, quen lle instiu en repetidas ocasións que detallase en que consistiu a Operación Cataluña.

Villarejo respondeulle: "É unha das moitas operacións na miña condición de axente de intelixencia que fixen traballando para o Estado e o Goberno de quenda, fundamentalmente para evitar que unha parte ben organizada e estruturada en Cataluña mantivese a posibilidade de independizarse".

Do mesmo xeito, apuntou que se tratou dunha operación de "calado" máis aló de falar de "grupo parapolicial".

Logo engadíu: "É unha operación desde as propias entrañas da presidencia do Goberno e é a vicepresidenta —en referencia a Soraya Sáenz de Santamaría— a que controla o CNI". Ela foi, dixo, quen dirixiu e coordinou a operación na que participaron, cada cal co seu labor, a Policía Nacional e a Garda Civil.

Por esta razón, instou os deputados a preguntaren ao CNI, xa que foi quen "organizou, deseñou, estruturou e preparou" todo ese operativo, co que se mostrou de acordo, e opinou que o seu resultado foi "positivo".

Preguntado sobre o seu papel nesa operación, o excomisario dixo que elaborou algunha "nota de intelixencia" e que era tanto a cúpula do Ministerio do Interior como a daquela secretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal quen o citaba para que informase sobre quen podían ser as persoas "máis idóneas" para verificar e controlar os dirixentes cataláns máis significados coa independencia.

Nun deses encontros con Cospedal, esta recibiu unha chamada de Rajoy, quen transmitiu a Villarejo o seu agradecemento polos servizos prestados, segundo relatou o comparecente, que, con todo, non precisou —"porque aos meus 72 anos a memoria xa non é tan brillante"— se falou directamente co expresidente ou foi a exsecretaria xeral quen lle deu as grazas de parte de Rajoy.

Críticas

Aínda que mostrou o seu respecto polo traballo de campo dos axentes do CNI, aproveitou para censurar en reiteradas ocasións os seus dirixentes, sobre todo o exdirector Félix Sanz Roldán, de quen dixo que cada dous meses viaxa a Dubai para "arranxar os problemas económicos" que deben ter el e o rei emérito.

"Nin o Goberno nin o Congreso controlan o CNI", salientou Villarejo despois de asegurar que dentro dos fondos reservados do centro de intelixencia existen fondos "súper reservados" para operacións inconfesables. Villarejo non dubidou en contrapoñer o bo facer do PSOE e mesmo aseverou que o actual xefe do Goberno Pedro Sánchez, é o seu "ídolo". "É o presidente máis valente que coñecín", ao que votará se en decembro "vive".

Non foi a única frase que levantou o sorriso dos deputados, como cando en varias ocasións sinalou que "cando o CNI recibe un órdago, di quero", cando ironizou coas causas xudiciais que ten pendentes —"máis frontes que Belchite"— ou cando cualificou os que falan del como "villarejólogos".

Menos grazas suscitou ao recoñecer que cando os servizos de intelixencia de todos os países entenden que hai que tomar decisións "drásticas" con determinadas persoas "actúan" porque consideran que "a eliminación física é a mellor solución a unha crise" ou, o que é o mesmo, "que pareza un accidente". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade