Vincios confía na vaca cachena para loitar contra o lume
Vincios confía na vaca cachena para loitar contra o lume
A comunidade de montes adquiriu varios exemplares desta raza autóctona para limpar zonas de difícil acceso
No futuro instalaralles un colar con GPS para facer pastoreo virtual por distintas zonas do monte
Apenas levan uns días pacendo na aba do Galiñeiro e xa se adaptaron perfectamente ao terreo e o pasto que ofrece o monte.
"Viñeron o domingo e xa andan ao seu aire polo monte. A idea é que combatan o lume de xeito natural", conta Montse Salgueiro, vogal na directiva da comunidade de montes veciñais en man común de Vincios.
"Xesteiras, toxos, fento, comen de todo. E a que non come, trepa. Deixándolles espazo, son moi boas limpadoras", asegura Lucila Rial, tamén vogal na xunta de montes.
Vincios, en Gondomar, ten máis de seiscentas hectáreas de monte comunal. A maioría só se pode rozar de xeito manual. Coa idea de que actúen como limpadoras forestais a comunidade optou traer vacas cachenas, a raza autóctona galega que mellor cumpre esa función.
"É metade vaca e metade cabra, e adáptase moi ben a este terreo, por iso escollemos esta raza autóctona", comenta Montse.
Son sete cabezas polo momento, seis femias e un macho. Téñenas neste valado de xeito provisional. A intención é instalarlles colares provistos de GPS, que lles permitirá guialas por todo o monte grazas a unha aplicación.
"De principio están aquí para adaptarse. Logo porémoslles colares virtuais. Con iso podemos facer peches virtuais e levalas polo monte para que vaian rozando por distintos sitios", apunta Lucila.
Co tempo tamén pretenden obter outros beneficios do rabaño vendendo os becerros. Unha vaca da que se aproveita todo.